Continúa aberto o prazo para inscribirse no festival ‘48 Hour Film Project’ na Coruña
O Concello, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, lembra que permanece aberto o prazo de inscrición para participar no 48 Hour Film Project, a maior competición de cine a contrarreloxo do mundo dirixido a amantes do cine, da escritura ou a escenificación.
Así, do 28 ao 30 de marzo, a Ágora volverá acoller a organización do festival que reta aos participantes a realizar unha curtametraxe en tan só 48 horas. Trátase de escribir unha historia, rodala, editala e até estreala en dous días tendo en conta a proposta da organización: un personaxe, un elemento a incluír no guión, unha liña de diálogo e un xénero por sorteo. Os interesados poden inscribirse en www.48hourfilm.com e rexistrarse no evento na cidade. A cota de inscrición por equipo son 75 euros. As películas presentaranse ao público o 4 de abril na Ágora onde o xurado seleccionará a mellor curtametraxe que entrará na lista das mellores curtametraxes a nivel internacional, no evento anual do 48 Hour Film Project 2014.
QUE É O 48 HOUR FILM PROJECT?
A misión do 48 Hour Film Project é avanzar no cine, desenvolvendo novas propostas no panorama creativo e promovendo novos cineastas. A través do festival, o proxecto anima aos mozos creadores a darse a coñecer tendo a posibilidade de rodar as súas propias películas.
O apertado prazo de 48 horas promove a creatividade e o traballo en equipo. Aínda que o prazo supón unha restrición inusual para os cineastas, tamén é liberador pondo énfases no facer en vez do falar.











