“Coñece o teu Concello” volve a Carballo para promover o ciclismo e o patrimonio do municipio
O ciclo de rutas en bicicleta “Coñece o teu Concello” cumpre catro anos fomentando o deporte do ciclismo e dando a coñecer o patrimonio cultural e paisaxístico do municipio da man do Club Ciclista Carballo Placasa e coa colaboración da administración local e de Carballo Deporte. Dende o Club, Juan Seoane lembra que a actividade naceu para dar a coñecer o concello, pero tamén para promover o uso da bicicleta, non só no pobo, senón tamén nas parroquias. Nesta cuarta edición o programa conta de novo con catro rutas, aínda que se optou por eliminar o percorrido que até o de agora se viña realizando pola zona costeira debido á súa dureza, non axeitada para os participantes máis novos.
Así, o obxectivo é que as rutas poidan realizalas veciños e veciñas, tanto de Carballo, como de concellos da contorna, a partir de 10 anos. As rutas transcorren entre o sábado 15 de marzo e o domingo 5 de abril e contan cunha media de lonxitude de aproximadamente 20 quilómetros para facelas alcanzables para o maior número posible de afeccionados á bicicleta. Os interesados e interesadas en asistir tan só teñen que presentarse na Praza do Concello cada sábado que haxa ruta a partir das 16.00 horas e inscribirse no momento.
A participación é de balde. Cada persoa recibe información da ruta e unha explicación do percorrido e dos bens históricos que se van visitar. A organización recomenda o uso do casco e tamén levar roupa de abrigo se o día non é soleado, así como auga e accesorios para reparar unha picada (cámara e bomba de aire). En canto ás catro rutas que conforman esta nova edición de “Coñece o teu Concello”, son as seguintes:
Ruta 1: sábado 15 de marzo. De 19 quilómetros de lonxitude e baixa dificultade, transcorre por Sísamo, Goiáns, Cances e Oza.
Ruta 2: sábado 22 de marzo. De dificultade media e 19,5 quilómetros, visita Artes, Sofán, Berdillo e Bértoa.
Ruta 3: sábado 29 de marzo. Ten unha dificultade media e transcorre por Ardaña e Rus e visita a Férveda de Ramil. Está especialmente dirixida BTT (Bibicleta Todo Terreo).
Ruta 4: sábado 5 de abril. Até o de agora cada ano pechaba o programa unha ruta costeira, mais para facer o percorrido alcanzable a todos os participantes, desta volta está previsto realizar unha nova ruta por Sísamo e Cances. O trazado está aínda sen concretar xa que hai que determinar cales son as mellores pistas despois das abundantes choivas do inverno.
Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron expresar o seu agradecemento ao Club Ciclista Carballo Placasa por organizar cada ano esta actividade. Así mesmo, Ferrero realizou un chamamento para que a xente se anime “a usar a bicicleta, a gozar da paisaxe e do amplo patrimonio de Carballo”, especialmente na primeira das rutas, prevista para este sábado 15 de marzo, xa que as predicións indican que as condicións meteorolóxicas serán propias da primavera, con sol e temperaturas de ata 20 graos, segundo Meteogalicia.











