Concerto da Banda Municipal, teatro infantil, exposicións de pintura e fotografías nas propostas culturais para esta semana en Ourense
Tras a boa acollida da VII Edición do Festival Pórtico do Paraíso, a programación cultural organizada polo Concello continúa a súa intensa marcha iniciando unha primavera con cada vez máis actividades. Como ven sendo habitual, o venres ás 20 h a Banda Municipal ofrecera un concerto no Centro Ánxel Valente.
Auditorio Municipal
A programación infantil continúa o domingo 23 a partir das 12 h coa obra Catalina nun lugar da Mancha. Trátase de teatro participativo, monicreques, animación á lectura e moita diversión! No mundo de ficción reina un auténtico caos. O prezo é de 3 €.
Exposicións
Varias son as exposicións que se poden visitar nos distintos espazos municipais. O Museo Municipal acolle ata o 20 de abril a excelente obra do ourensán Andrés Santeiro Metamorfose. Máis de 60 obras nas que a xoven promesa ourensana ofrécenos unha mistura de contemporaneidade artística dende un realismo hiperealista ofrecendo un compendio de novas pinceladas que non deixarán indiferentes ao público visitante.
Tamén se pode visitar no Auditorio Municipal ata o vindeiro 17 de abril, a exposición Debuxos e acrílicos de Alva, de José Luis Álvarez Alva. Unha obra composta de 33 debuxos e 6 acrílicos que reflexan distintas accións da vida cotidiana.
No Centro Municipal Ánxel Valente, pódese visitar a exposición do fotógrafo Mani Moretón, Variacións Pórtico do Paraíso. Máis de 90 fotografías que reflexan un compendio de instantáneas desde fai case dez anos e que teñen que ver co festival de música que leva ese mesmo nome.











