Concentración de Maios Enrique Gómez Pato – Festa dos Maios 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Na década dos cincuenta do pasado século, Enrique Gómez Pato percorría as rúas de Verín con efémeras esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres. O carón  ou agochado no  interior, el e os seus acompañantes cantaban e espallaban unhas coplas que a veciñanza agardaba pola súa creatividade e crítica. Na súa lembranza e para que se manteña esta manifestación da nosa cultura popular, o Concello de Verín organiza unha concentración de maios artísticos, tradicionais e humanos, que se rexerá polas seguintes

BASES:

1ª.- Nesta concentración non competitiva poderán inscribirse no Concello de Verín antes do 24 de abril centros de ensino da comarca de Verín, institucións e asociacións culturais e sociais que estean rexistradas e que mantiveran actividades públicas despois da Festa dos Maios do 2013.

2ª.- Os maios participantes colocaranse entre as 11.00 e as 14.00 horas do día 1 de maio no  Parque da Alameda nos lugares que o sorteo determine e permanecerán nesa posición até que a organización conclúa o acto.

3ª.- Os maios que se presenten á concentración poderán ser humanos, artísticos ou enxebres. Agás no caso dos maios humanos, de se presentaren, terán que presentar no exterior na súa totalidade elementos naturais, como xestas, carrabouxos, flores, madeira, pedra, etc.

4ª.- Como axuda para as custas de montaxe, a cada grupo que concorra á concentración e cumpra os requisitos mínimos fixados nestas bases entregaráselle unha cantidade de 125 € e 75 coplas sen cargo no caso de presentaren como maios tradicionais ou artísticos. Os maios humanos, de concorreren, recibirán 20 euros  e 10 coplas sen cargo a cada compoñente,  limitándose o grupo a un máximo de 6 persoas.

Cada grupo que elabore un maio artístico, enxebre ou humano deberá redactar unhas coplas, segundo as directrices seguintes:

A.- A copla seguirá na redacción unha orde temática, non terá menos de 16 estrofas de catro versos nin máis das que, nunha tipografía lexíbel, se poidan reproducir nun DIN A4 impreso a unha cara.

B.- O texto entregaráse dixitalizado na Casa do Concello antes das 12.00 horas do venres día 25 de abril.

C.- Que os redactores se responsabilicen da autoría do texto. O Concello, que non realizará ningunha revisión do texto previa á impresión, aconsella que se coide tanto a estrutura literaria como a corrección idiomática.

D.- Que o texto, do que se fará unha edición única única e conxunta de todos os participantes na concentración de 1000 exemplares, será vendido ao prezo de 1 €. A recadación entregaráselle á Cruz Vermella para programas asistenciais na comarca de Verín.

E.- Que cada colectivo redactor do “Maio Literario” grave o texto cantado e o entregue na Casa do Concello antes do día 1, ou permita a gravación, para difundilo por megafonía durante os actos da Festa dos Maios.

5. A interpretación destas Bases, a admisión de inscritos e as decisións sobre calquera extremo non regulamentado son un dereito exclusivo do Concello de Verín.

26 de marzo de 2014 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.