Complementar o currículo con actividades de educación non formal fomenta a adquisición de valores positivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Ovidio Rodeiro no Encontro Internacional da Mocidade Emprendedora

Ovidio Rodeiro no Encontro Internacional da Mocidade Emprendedora

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou hoxe a importancia de que a mocidade complemente o seu currículo académico co desenvolvemento de actividades de educación non formal, no marco da presentación do Encontro Internacional de mozos Emprendedores que acolle a facultade de Económicas e Empresariais da USC.

Segundo indicou Rodeiro, “a participación en proxectos de educación non formal fomenta a adquisición de valores positivos, como o traballo en grupo, a responsabilidade, a comunicación, o sentido da iniciativa e a autoconfianza”.

O director xeral tamén sinalou a “gran importancia que ten para os estudantes poder complementar ensinanzas académicas con experiencias e competencias adquiridas mediante a participación xuvenil, xa que estas poden ser as que marquen a diferenza entre dous currículos universitarios aparentemente iguais”.

As políticas máis modernas e innovadoras en materia de xuventude de toda Europa teñen como nexo de unión a educación non formal. En Galicia, desde a Dirección Xeral de Xuventude, canalízanse estas actividades a través de diferentes programas, como Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil ou Galeuropa, pioneiros e novidosos a nivel de todo estado.

No encontro tamén se analizaron os diferentes programas que constituirán a base da programación do departamento. Deste xeito, destacouse que ata o 28 deste mes está aberto o prazo para participar en Galeuropa, o primeiro dos tres programas de mobilidade que xestionará a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado este ano, que permitirán que máis de 350 mozos e mozas poidan realizar prácticas laborais en empresas de calquera país do mundo cun investimento conxunto de máis de 744.000 euros.

Os participantes no encontro tamén recibiron información sobre o programa de Voluntariado Xuvenil. O departamento autonómico destinará máis de 440.000 euros a esta actividade e serán subvencionables os proxectos postos en marcha por entidades de acción voluntaria e concellos que sexan desenvolvidos por un máximo de 8 mozos ou mozas. O prazo para solicitar estas axudas finaliza o dia 10 de abril.

Outro dos programas de Xuventude dos que se falou na sesión de traballo foi Iniciativa Xove, que sairá publicado no DOG nos próximos quince días. Este programa, no que poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos.

21 de marzo de 2014 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.