Comezan na Coruña as obras de mellora do cruzamento das avenidas de Buenos Aires e Calvo Sotelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

As concelleiras de Barrio Susana Pazo e Carmen Hervada visitaron esta mañá a zona de Riazor con motivo do inicio da obra de pavimentación do cruzamento das avenidas de Buenos Aires e Calvo Sotelo. Este proxecto enmárcase dentro do plan municipal de mellora dos espazos públicos co obxectivo de favorecer a accesibilidade peonil.

O Goberno local, a través da Concellaría de Infraestruturas, empeza hoxe as obras de mellora da pavimentación na esquina de Buenos Aires con Calvo Sotelo, á altura do paseo marítimo. Cun orzamento de 74.850 euros e un prazo de execución aproximado de 4 semanas, os traballos consisten na demolición do pavimento de terrazo e do bordo existente e a reposición do pavimento con baldosas e do bordo de granito.

En total, renovaranse 641 metros cadrados de beirarrúas. Ademais, canalizaranse catro tubos de PVC -unha lonxitude total de 138 metros-, instalaranse unha rede de pluviais cun colector, cinco bajantes de pluviais, cinco sumidoiros, oito arquetas e catro alcorques. Por último, pintaranse, con material antiescorregadizo, os pasos de peóns, illotes, frechas e sinais para favorecer a circulación.

A Concellaría de Infraestruturas proseguirá ao longo deste ano co seu plan de modernización de espazos públicos, mellora da accesibilidade e execución de proxectos urbanísticos. Para alcanzar este obxectivo, dispón de 22,5 millóns de euros nos orzamentos municipais de 2014. Por exemplo, o Concello conta con 1,04 millóns de euros (máis do triplo que no último orzamento elaborado polo bipartito, en 2011) para o mantemento de vías públicas; con 2,4 millóns (sete veces máis) para modernización e humanización de rúas; con 2,34 millóns para o plan de reposición de vías públicas; con 1,38 millóns para a mellora da accesibilidade; e con 2,62 millóns para reparación de espazos peonís en todos os barrios da cidade.

19 de marzo de 2014 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.