Comezan con gran éxito os cursos de ximnasia hipopresiva en Tomiño
As primeiras clases de ximnasia hipopresiva comezaron a impartirse con éxito, a través do Concello de Tomiño, que subvenciona unha parte importante do custe dos cursos.
Aurora Costas é a responsable de impartir este tipo de ximnasia, orientada a mulleres que desexen recuperarse do parto ou dalgunha doenza derivada deste, ou ben, ás que estean interesadas en mellorar a actividade física, a súa postura; previr hernias, reducir o perímetro da cintura, previr a incontinencia urinaria, prolapsos, etc.
Trátase dunha ximnasia postural “dirixida ao enderezamento da estrutura corporal ósea; estímulo, activación e axuste dos tecidos que sosteñen á mesma, e recolocación dos órganos internos”, segundo as palabras da propia monitora.
Na actualidade están impartíndose os dous primeiros cursos e en breve (mes de abril), comezarán os seguintes. Estes constan de dúas fases: unha de valoración e aprendizaxe das técnicas e outra de continuación e perfeccionamento.











