Comeza o taekwondo escolar na modalidade de técnica e freestyle
Esta fin de semana celebraranse as fases provinciais do taekwondo escolar de Pontevedra (Pontevedra cidade), A Coruña (Boiro) e Lugo (Monforte) e Ourense (Ourense capital) nas modalidades de técnica e freestyle. Nas catro probas participarán máis de 720 deportistas das categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete (masculino e feminino), que buscarán a clasificación para a final galega, que se celebrará o sábado 29 de marzo en Moaña.
A principal novidade do programa escolar deste ano é que por primeira vez se inclúe freestyle, unha nova modalidade que introduciu a Federación Mundial no 2013. A principal innovación do freestyle é que é unha combinación de técnica libre con movementos obrigatorios pero que permite introducir acrobacias. Sen dúbida, e unha modalidade atractiva cara ao espectador, por ser moito máis espectacular.
O sábado 15 de marzo celebraranse as fases provinciais de A Coruña, Lugo e Ourense. A da Coruña, que se celebrará en Boiro, reunirá a case 220 deportistas, que se repartirán en catro tapices a partir das dez da mañá. A fase provincial de Lugo celebrarase no pavillón da Pinguela (Monforte) con case cen deportistas, mentres que a de Ourense terá lugar no pavillón dos Remedios con preto de 50 taekwondistas.
O domingo 16 será o momento da fase provincial de Pontevedra, que se celebrará no pavillón Príncipe Felipe da cidade do Lérez. Contará cunha participación espectacular de máis de 360 deportistas e estarán dispostos 6 tapices para acoller esta competición a partir das 9:30 horas. Hai que recordar que na final galega participa o 50 por cento mellor clasificado das diferentes fases provinciais e está en xogo o equipo que representará a Galicia no Campionato de España Escolar de Técnica (menos na categoría prebenxamín, que no existe a nivel estatal).
Esta actividade está incluída no programa do Deporte Escolar Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo. Desta forma, a organización é responsabilidade dos diferentes servizos provinciais en colaboración coa Federación e clubs nos que se delega.











