Comeza o operativo de limpeza das praias de cara á tempada de Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O servizo de limpeza do Concello comezou esta semana os traballos de posta a punto das praias do municipio co obxectivo de que os areais presenten a súa mellor imaxe de cara ao período vacacional da Semana Santa e para que os veciños e visitantes poidan gozar delas nas mellores condicións. A concesionaria do servizo de limpeza, Cespa, encárgase do operativo que abarcará toda a zona de praias entre A Concha-Copmpostela e Carril, os areais de Campanario (Bamio) Canelas (Sobradelo) e Preguntoio (Vilaxoán).

Os traballos estanse a desenvolver dende esta semana e comezaron polos areais do tramo do Paseo Marítimo que se atopa máis próximo a Carril para ir avanzando ata A Concha e desprazarse despois ás outras praias do municipio. O concelleiro de Limpeza, Jesús Longa, comentou que este dispositivo de limpeza intensiva se inicia coa antelación suficiente para completalo antes da semana Santa e tamén co obxectivo de mellorar xa a imaxe dos areais castigados durante todo o inverno por sucesivos temporais que, ademais de traer moito lixo, impediron ir actuando de xeito esporádico.

Os traballos consisten na retirada manual de algas, paus e outros desperdicios arrastrados ata as praias polo mar e o posterior paso do tractor coa máquina limpa praias que remove a area a obxecto de peneirala para quitarlle pedras, cunhas, cabichas o obxectos similares, co que se consegue unha area máis fina e limpa. Esta actuación é sempre necesaria, pero este ano o é aínda máis debido á cantidade de cunha que se acumulou pola mortalidade de marisco a causa dos temporais e do descenso da salinidade.

Rematada a limpeza intensiva, continuarase o mantemento das praias de xeito periódico e tamén se procederá a revisar o mobilario urbano, rampas de acceso e equipamentos a efectos de realizar os arranxos ou reposicións oportunas.

Acondicionamento do prado e varandas da Compostela

Estes traballos nos areais, dan continuación aos realizados previamente polo persoal do servizo de Medio Ambiente que hai quince días aproveitou o bo tempo para proceder á curta da herba da zona de prado máis próxima ao paseo marítimo. Por outra banda, os operarios de Obras e a brigada de tarde xa se puxeron mans á obra no arranxo da varanda de inox que salva o escalón entre a terraza do Balneario e os xardíns da Compostela, e rematarán en breve as esquinas do tramo da balaustrada do parque derribada pola caída dunha árbore e que se aproveitará para habilitar un novo acceso dende o Paseo Marítimo ao Parque.

20 de marzo de 2014 | 10:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.