Comeza a segunda edición de itinerario formativo de inserción laboral en actividades de auxiliares de almacén
A Concellería de Emprego do Concello de Ferrol, que dirixe Martina Aneiros Barros, iniciou hoxe un novo itinerario de inserción laboral dentro do proxecto municipal “Ferrol punto de emprego II”. Un total de 15 persoas desempregadas -10 homes e 5 mulleres- foron seleccionados polo equipo técnico do proxecto para participar nunha segunda edición do curso formativo “Actividades auxiliares de almacén”. Os seleccionados pertencen a algún dos seguintes colectivos: menores de 30 anos, maiores de 45 anos ou parados de longa duración.
O itinerario “Actividades de auxiliares de almacén”, cunha duración total de 280 oras, desenvolverase até o vindeiro mes de maio. Este curso contempla un módulo de formación específica (170 horas), outro de práctica profesional titorizada en empresas (90 horas); e unha terceira parte con módulos de formación transversal e complementaria (20 horas). Así mesmo, hai titorías individuais e en grupo durante todo o programa.
O obxectivo deste curso é capacitar ao alumnado para a realización de operacións auxiliares de almacén, recepción, ubicación básica, preparación e expedición de cargas e descargas de forma coordinada ou en equipo. “Ferrol punto de emprego II” e unha iniciativa da Concellería de Emprego no ámbito da formación e da inserción laboral que conta con financiamento do Fondo Social Europeo (FSE). Ten como finalidade proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.











