publicidade hoxe

Comeza a construirse a nova escola infantil de Boiro que disporá de 41 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal Portada
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, e o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, visitaron esta mañá as obras de construción dunha nova escola infantil de 41 prazas nese concello. O investimento nesta obra ascenderá a 366.025 euros.

As obras, que se executan nunha parcela de 1.915 metros cadrados, comezaron esta semana. O prazo de execución da construción é de 8 meses e ao seu remate procederase a contratar e instalar o equipamento.

Situada na Estrada a Triñáns, no Lugar de Saltiño, a nova escola será o segundo centro da Rede A Galiña Azul no Concello de Boiro, onda xa está en funcionamento outra escola infantil de 102 prazas.

A distribución deste novo equipamento organizarase en dúas zonas: unha zona educativa, na que estarán as aulas, a sala de usos múltiples e a de profesores, o despacho de dirección e un almacén, e unha zona de servizos coa cociña, vestiarios e cuarto da limpeza.

A posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís de 0 a 3 anos é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que conta con 69 medidas, e que pretende mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos e galegas.

Así mesmo, enmárcase na aposta da Xunta de Galicia pola conciliación da vida familiar e laboral, un obxectivo que na pasada lexislatura deu como froito a posta en marcha de 3.000 prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

14 de marzo de 2014 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.