COGAMI inicia un curso de formación profesional para 11 persoas con discapacidade de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Un grupo formado por 11 persoas con discapacidade, 8 mulleres e 3 homes, inicia nas instalacións que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en Lugo (rúa da Luz, nº4, polígono de Fingoi) un curso de formación profesional sobre Atención Sociosanitaria a persoas con discapacidade en centro de atención diúrna.

Este curso está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).

As persoas que inician a acción formativa, procedentes dos concellos de Lugo e Sarria, asisten ás clases de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Todos teñen discapacidade recoñecida ou incapacidade laboral, e van estar formándose durante dous meses, é dicir, durante as 240 horas  lectivas presenciais das que consta o curso.

A programación do curso consta de materias relacionadas co apoio á recepción e acollida, á organización de actividades, intervención na atención hixiénico-sanitaria e na atención sociosanitaria.

Ao remate das clases teóricas, o alumnado terá a oportunidade de establecer un período de prácticas durante 100 horas no centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi, con vistas á posible incorporación ao cadro de persoal do futuro centro de día.

21 de marzo de 2014 | 12:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.