COGAMI inicia un curso auxiliar de transporte no que formará a 12 persoas con discapacidade en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Un grupo formado por 12 persoas con discapacidade, 8 homes e 4 mulleres, inician nas instalacións que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten en Mos (Hospital Psiquiátrico do Rebullón, avda. do Rebullón, Puxeiros) un curso de formación profesional sobre Auxiliar de transporte de persoas con discapacidade/dependentes.

O curso está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).

Todas as persoas que inician esta acción formativa están apuntadas no servizo de intermediación laboral que ten COGAMI en Vigo e proceden dos concellos de Vigo, Pazos de Borbén, Ponteareas, Tomiño, Porriño e Tui. Todos teñen discapacidade recoñecida, e a maioría deles proceden doutras profesións das que non van poder volver traballar por ter unha incapacidade laboral recoñecida. Outros, en cambio, fórmanse porque queren ampliar os coñecementos para poder inserirse canto antes no mercado laboral.

A formación vaise impartir durante un mes, ata o 25 de abril, de martes a venres en horario de 16:00 a 21:00 horas, constando dun total de 80 horas lectivas presenciais que se van repartir en seis módulos: sobre discapacidade e dependencia, sobre habilidades sociais e de comunicación, sobre manexo e mobilidade de persoas con discapacidade, sobre procedemento de rexistro e documentación, sobre primeiros auxilios e anclaxes.

A finalidade deste curso é capacitar ao alumnado para poder traballar como acompañantes no transporte de persoas con discapacidade e/ou dependentes.

27 de marzo de 2014 | 10:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.