Cogami inicia en Pontevedra un curso de caixeiro de supermercado que formará a dez persoas con discapacidade
O martes, 1 de abril, dende as 9:00 e ata as 14:00 horas, inicia en Pontevedra, na aula de formación de Supermercados Moldes (Lugar o Marco 22) un curso de formación profesional sobre Caixeira/o de supermercado que imparte a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e na que se van formar 10 persoas con discapacidade, 4 mulleres e 6 homes, procedentes dos concellos de Meis, Moaña, Caldas de Reis, Poio e Pontevedra
O curso, que ten unha duración de 70 horas teóricas e que se imparte de luns a venres, está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).
O temario de Caixeira/o de supermercado engloba materias como introdución á cultura comercial e orientación no mercado de traballo, atención ó cliente, ademais de formación dun módulo de seguridade e hixiene, onde obterán o carné de manipulador de alimentos e outro módulo de operativa de caixa terminal e punto de venta.
Cando finalice a formación teórica, o alumnado, a través dun contrato de colaboración asinado por COGAMI e Supermercados Moldes, vai poder realizar as prácticas nos distintos supermercados que a empresa ten por Pontevedra.











