COGAMI comeza un curso de formación profesional para 12 persoas con discapacidade da comarca da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

Un grupo formado por 12 persoas con discapacidade, 9 mulleres e 3 homes, vén de iniciar nas instalacións que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ten en A Coruña (Avda. de Cádiz nº1, 1º andar, local 2 do edificio A Milagrosa) un curso de formación profesional sobre Xestión Administrativa Contable.

Este curso está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).

Nove das persoas que inician esta acción formativa proceden do concello de A Coruña, e o resto, son de Cambre, Oleiros e Culleredo. Todos teñen discapacidade recoñecida ou incapacidade laboral e, para participar, foi necesario que tiveran coñecementos previos en contabilidade, co que este curso lles vai servir para mellorar a súa preparación.

A formación vaise impartir durante dous meses, constando dun total de 240 horas lectivas presenciais, de luns a venres en horario de 9:00 a 15:00 horas, co fin de que o alumnado estea capacitado para manexar o Plan Xeral Contable e os programas informáticos utilizados na xestión contable. Ao remate das clases teóricas, o alumnado terá a oportunidade de establecer un período de prácticas en empresas da zona.

21 de marzo de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.