Cine, teatro e música en Cambados pola integración das persoas con autismo
Un ano máis, o Concello vaise sumar no apoio á inclusión de persoas con autismo, colaborando activamente coa asociación cambadesa Por Dereito, co que se estenderá a toda a vindeira semana a celebración do 2 de abril, Día Internacional de Concienciación sobre Autismo.
Os actos comezarán o martes 1 de abril, coa iluminación en cor azul da escultura A Naiciña, na praza de Asorey. Deste xeito, Cambados únese ó movemento mundial “Light it up Blue” promovido pola comunidade Autism Speaks, a través da cal máis de 100 edificios e monumentos emblemáticos do mundo tinxiranse de azul o 1 e o 2 de abril. No caso de Cambados a iluminación manterase toda a semana.
O 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e do Autismo, a celebración realizarase na biblioteca Casa dos Fraga. Un grupo de integrantes da Asociación Por Dereito, ás 18.00 horas, proxectarán a curta de animación “Cuerdas”, gañadora dun premio Goya este ano. A continuación os rapaces do taller de animación á lectura L-emos! convertiranse en contadores e darannos a coñecer “A que sabe a lúa?” Para rematar realízase un taller de títeres e outro de galletas coas personaxes da historia (para o contacontos, entrada ata completar aforo, pero para participar nos talleres haberá que inscribirse previamente na biblioteca).
O sábado 5 de abril celebrarase por todo o alto o Día do Autismo na Praza de Asorey, no monumento á Naiciña. Para ese día convídase a todo aquel que queira colaborar a que colgue dos seus balcóns ou escaparates globos azuis como símbolo de apoio á inclusión na sociedade das persoas con autismo. A partir das 20.30 horas farase a lectura do manifesto, para dar paso a un concerto do Coro Infantil e Xuvenil do Conservatorio, dirixido por Marco Lucato e para rematar haberá para todos os asistentes chocolatada con rosca.
O domingo 6 de abril, ás 18.00 horas, no Auditorio Municipal o Mago Teto amosará o seu novo espectáculo “As novas tolemaxias”, organizado por Tatana Teatro e a produtora Malo Será. Destinarase 1€ do prezo da entrada (6€) a beneficio da Asociación Por Dereito. Xa se poden adquirir as entradas anticipadas na Oficina de Turismo (Paseo da Calzada, telf. 986 520 786)











