Chega a “Primavera en Familia” ás empresas do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

Hoxe día 10 de marzo as empresas do Morrazo asociadas a FECIMO poñen en marcha unha nova campaña de dinamización comercial que premiará aos seus clientes.

Coa entrada da nova tempada, máis de 130 establecementos de Bueu, Cangas e Moaña súmanse a esta promoción que leva por nome “Primavera en Familia” e estará vixente ata o 6 de maio.

Durante a promoción realizaranse dous sorteos con premios moi especiais para disfrutar en familia, rondando as datas do Día do Pai e o Día da Nai, que malia non ser días festivos este ano, son datas sinaladas que se celebran cun cariño especial e con agasallos e sorpresas por parte dos fillos.

PREMIOS

O primeiro sorteo celebrarase o 25 de marzo baixo o lema “Un pai para comelo!” e o premio consistirá nunha “comida ou cea para disfrutar con papá.” Agasallarase ao premiado/a cun servizo de hostelería para disfrutar dunha reunión familiar ao mediodía ou á noite, como desexe.

O segundo sorteo celebrarase o 6 de maio baixo o lema “Mamá Superstar!” e consistirá nun “servizo de perruquería e estética para mamá máis unha sesión de fotos en familia.” Neste caso o premio irá destinado a unha mamá que escollera o servizo de beleza que prefira e disfrutará dunha sesión fotográfica para o recordo.

Fecimo porase en contacto cos gañadores destes 2 premios no número de teléfono facilitado no boleto, a partir do día seguinte á data do sorteo. Os premios terán un importe limitado e poderán ser disfrutados nas empresas que os premiados escollan dentro das asociadas a FECIMO.

CÓMO PARTICIPAR

Os clientes que durante o tempo de vixencia da promoción, dende hoxe ata o 4 de maio, merquen nas empresas participantes de Bueu, Cangas e Moaña, recibirán boletos de participación que deberán cubrir co seu nome, apelidos e teléfono e depositalos en calquera das furnas que atoparán nos establecementos adheridos. Cada cliente poderá participar tantas veces como boletos entregue, aumentando deste xeito as súas posibilidades de resultar agraciado cun dos premios.

Realizaranse dúas recollidas de boletos, segundo os dous sorteos que se celebrarán.

Con esta promoción premiarase aos veciños que se decanten polas empresas locais para facer as súas compras esta primavera, apostando pola confianza e a proximidade. O comercio local proponlles actividades divertidas e amósase sempre en movemento con iniciativas coma esta.

10 de marzo de 2014 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.