Charla sobre toponimia no CEIP de Ponte Sampaio
O vindeiro luns día 17, ás 10 horas, a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra achegará o proxecto Chamámonos Así ao CEIP de Ponte Sampaio. Ao abeiro deste proxecto, co que a Concellaría de Normalización Lingüística está a recoller e difundir os nomes de lugar do concello, Alberte Reboreda impartirá unha charla educativa sobre toponimia dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º curso de primaria.
Alberte Reboreda é o técnico de campo de Chamámonos Así que recolleu a toponimia en Ponte Sampaio. O vindeiro luns, este historiador, arqueólogo e experto en patrimonio traballará co alumnado de Ponte Sampaio os chamadeiros da súa parroquia para facerlles ver a importancia de conservar, respectar e utilizar o patrimonio inmaterial da toponimia.
A información recollida no proxecto Chamámonos Así é de acceso público. Pódese consultar na base de datos de toponimia municipal: http://www.pontevedra.eu/snl/datostoponimia/ Ademais Chamámonos Así ten interesantes achegas sobre toponimia no blog: http://www.pontevedra.eu/toponimia/











