CEC e o Colexio de Xestores de Galicia colaboran na promoción da actividade empresarial
A Confederación de Empresarios da Coruña e o Colexio de Xestores Administrativos de Galicia inician hoxe unha etapa de colaboración mutua na promoción de actividades de interese para o empresariado.
A relación contractual entre ambas as entidades materialízase en función do protocolo asinado esta mañá por Antonio Fontenla Ramil e Andrés García Yáñez, presidentes da patronal coruñesa e do Colexio de Xestores, respectivamente.
En función do acordo alcanzado e rubricado esta mañá na sede da patronal coruñesa, as dúas entidades trasladaranse información sobre as actividades que cada unha delas organice e que puidesen ser de interese tanto para as empresas galegas como para o colectivo de xestores.
Así mesmo, o Colexio colaborará coa organización empresarial coruñesa na realización de accións formativas, achegando para iso tanto as súas instalacións como o profesorado necesario.
O convenio terá unha duración dun ano, automaticamente renovable por idéntico período de tempo salvo denuncia expresa do mesmo por algunha das partes.











