Carlos Negreira cre que “convén non improvisar moito” na situación do Concello de Santiago
O alcalde da Coruña e presidente do PP na provincia coruñesa, Carlos Negreira, asegurou que “convén non improvisar moito” ante a situación do concello de Santiago, onde sete dos seus edís están procesados por aprobar o pagamento da defensa do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, á súa vez imputado na Operación Pokémon.
“Temos estatuto que di claramente cáles son os pasos a seguir”, respondeu, a preguntas dos medios, o presidente dos populares coruñeses, que sinala que no caso de que se abra xuízo oral, “que aínda non hai unha decisión firme”, se procede á apertura dun expediente disciplinario polo Comité de Garantías do partido e se resolve cando finaliza o procedemento xudicial coa correspondente sentenza.
“Isto é o que marcan os estatutos e o que é de obrigado cumprimento”, continuou Negreira, que sostén que dende o PP “se respectan” os estatutos porque neles “se”dita e sinala que é o que hai que facer cando suceden este tipo de cousas”.
Por outra parte, respecto á situación na casa do concello da Coruña, despois de que a voceiro do PSOE no Concello herculino, Mar Barcón, pedise a dimisión dos edís Ana Fernández e Julio Flores, imputado na ‘Operación Pikachu’, Negreira aconsellou á socialista que mire “un pouco para dentro” do seu partido e atenda “máis ao seu”.











