Carballo crea a primeira Plataforma de Teleformación municipal da comunidade para ofrecer cursos online á cidadanía
O Concello de Carballo vén de poñer en marcha a primeira Plataforma de Teleformación de Galicia xestionada por unha entidade municipal e dispoñible a través da páxina web <www.carballoformacion.org>. Esta nova ferramenta permitirá ofertar cursos tanto a traballadores municipais, como á cidadanía en xeral e ao tecido empresarial carballés na modalidade online, para que cada quen poida aproveitar as accións formativas dende a súa casa ou dende calquera lugar que conte con conexión a Internet. Segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, esta ferramenta estaba sendo “moi demandada” polos veciños e veciñas e dende a administración local esperan “que teña moita aceptación” e que a xente teña así a oportunidade de formarse “a través dos tempos que elixan dende a súa casa”. Xa está dispoñible o primeiro curso titulado “Novas tecnoloxías para o emprendemento”. Os interesados e interesadas en inscribirse poden facelo, de forma gratuíta, dende hoxe 7 de marzo e até o venres 14 do mesmo mes, a través de <www.carballoportaaberta.org> no apartado “Tramitar por Internet” clicando en “Teleformación: novas tecnoloxías e emprendemento” (non é necesario ter contrasinal). O curso é gratuíto e de libre acceso para a cidadanía e ten un máximo de 45 prazas. Aceptarase aos participantes por orde de inscrición. En todo caso, dende o Concello explican que se celebrarán tantos cursos como demanda exista por parte dos veciños e veciñas, polo que xa está prevista unha segunda edición entre maio e xuño deste mesmo ano para cubrir a posible demanda. Así mesmo, proximamente ofertarase unha nova acción formativa, neste caso centrada na “Creación dun perfil profesional na web 2.0” e a finais de ano presentaranse dous cursos personalizados de seguridade informática e certificados dixitais destinados ao persoal do Concello e que máis tarde serán adaptados para todos os cidadáns. Carlos Parada, un dos técnicos responsables dos cursos, subliña que os asistentes deberán acreditar o seu aproveitamento completando unha serie de tarefas e obxectivos. Contarán cun titor para consultar as súas dúbidas, poderán interactuar cos seus compañeiros e compañeiras, visualizar os contidos a través do web, establecer debates sobre temas relacionados, etc. Esta primeira actividade formativa sobre “Novas tecnoloxías para o emprendemento” terá catro semanas de duración e aborda o achegamento das novas tecnoloxías ao emprego e ao comercio, tanto para o xa establecido que quere estar ao tanto das novas ferramentas, como para afianzar coñecementos ou abrir novas liñas de emprendemento na comarca.
Catro bloques temáticos e xuntanza formativa
O curso estará dividido en catro bloques temáticos. O primeiro trata sobre os novos hábitos do denominado cliente 2.0. O obxectivo da primeira semana da actividade é obter unha visión xeral da denominada Web 2.0 e de como se desenvolve nela o cliente que compra a través de Internet. Na segunda semana falarase dos motivos para estar nas redes sociais. Estudaranse as principais redes sociais existentes en España dende a perspectiva do emprendemento, así como as súas funcionalidades principais. O terceiro bloque aborda o Plan de Medios Sociais. Logo de coñecer os distintos tipos de espazos sociais, fixaranse os aspectos principais da participación nos medios mediante a elaboración dun plan estratéxico. A última semana abordarase a Tenda Virtual, abordándose as características e funcionalidades dos principais elementos que deben conformar un espazo de tenda virtual. Os admitidos e admitidas neste primeiro curso da Plataforma teñen unha xuntanza para coñecer as claves desta ferramenta o martes 18 de marzo de 12.00 a 14.00 horas. Para quen non poida asistir pola mañá repetirase a sesión o mesmo día de 16.00 a 18.00 horas.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar o feito de que até o de agora “ningún Concello de Galicia tiña unha plataforma formativa propia”. O obxectivo deste paso é “incorporar as novas tecnoloxías ao emprendemento” e tamén empregalas para “acceder ao mercado global” afondando na I+D+i e achegando aos cidadáns todas as ferramentas posibles para que poidan formarse. Os interesados e interesadas poden consultar as ligazóns necesarias para acceder á Plataforma de Teleformación e para formalizar a inscrición no curso nesta mesma nova.











