Carballo acolle un All Star de Billarda no que participarán expertos, afeccionados e curiosos
Carballo é o escenario o sábado 15 de marzo da celebración do All Star de Billarda que congregará a expertos de toda Galicia nas pistas do Chorís. A cita, organizada pola Liga Nacional de Billarda coa colaboración do Concello de Carballo, está aberta a que calquera afeccionado ou simplemente calquera persoa interesada neste xogo tradicional poida participar e aprender un pouco máis sobre esta disciplina que non hai tantos anos se practicaba de cotío polas rúas da vila. Así, segundo explica o carballés Sergio Caamaño, integrante da Liga e membro da organización, este All Star está pensado como un espazo “lúdico e de exhibición”, no que os máis expertos participarán nun Concurso de triples e mates a partir das 15.30 horas, para despois celebrarse o Aberto all star no que calquera pode participar.
Ademais, haberá unha zona destinada a dar a coñecer o xogo na que os interesados e interesadas poderán probar a súa habilidade. Caamaño asegura que en competencias oficiais en Galicia na actualidade participan arredor de 600 persoas de todas as idades, tanto homes como mulleres, “xa que é un deporte moi integrador”, no que, ademais, “as capacidades físicas non son determinantes”, podendo xogarse incluso en cadeira de rodas. O obxectivo fundamental deste All Star de Billarda, en todo caso, segundo Caamaño, é recuperar o coñecemento do xogo na vila e tentar “darlle pulo” de cara ao futuro. A billarda ou estornela é un xogo popular en Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos nos que se ten creado a Liga Nacional, se teñen organizado numerosas competicións e se ten fixado un regulamento unificado.
Caamaño explica, ademais, que o xogo transcende as fronteiras galegas, e dende hai seis anos se disputa unha Copa cantábrica á que acode unha selección galega. Así mesmo, hai variantes similares á billarda en países tan distantes como a India, Cuba ou Irlanda. En canto ao xogo, consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible para logo encaixalo nunha especie de portería ou varal. En todo caso Caamaño explica que a Liga Nacional de Billarda pretende ir máis alá do xogo e crear “un movemento cultural e social, ademais de deportivo” polo que na cita está prevista a presenza dun concerto no que adoitan actuar grupos galegos en auxe. Neste caso, colaboran o Pub O’Patacón cunha “Foliada” a partir das 20.00 horas; e o Pub A Reserva, cun festival a partir das 22.30 horas no que actuarán 12 Labirinto, Os Vacalouras e Xenderal, todo o mesmo sábado 15.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, lembrou durante a presentación da cita os tempos nos que el foi xogador de billarda, e espera que o All Star favoreza a aparición na vila de novos afeccionados e afeccionadas a este deporte. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliñou a importancia de apoiar os xogos tradicionais galegos porque son “un patrimonio importante que non se debe perder”.











