Cangas solicita axudas a Benestar para a cofinanciación dos servizos sociais
O goberno local aprobou esta semana a solicitude de subvención á Consellería de Traballo e Benestar para a cofinanciación da prestación de servizos sociais polas corporacións locais para o exercicio 2014. Esta iniciativa, aprobada na última sesión da Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns, trata de conseguir achegas económicas da Xunta de Galicia para sufragar o custe dos servizos sociais municipais ao amparo do establecido no Decreto 99/2012 polo que se regula os servizos comunitarios e a súa financiación.
O documento recolle que o importe total do financiamento solicitado ao goberno galego ascende a 439.771,60 euros repartidos en varias partidas destinadas a persoal, mantemento, a xestión de programas e ás dúas modalidades do programa de Axuda no Fogar, unha dirixida a prestación básica do plan concertado e a outra destinada a persoas valoradas como dependentes.
Para o goberno local é unha prioridade apoiar e garantir a labor desenvolvida polos servizos sociais municipais. Neste sentido cabe salientar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) está en proceso de licitación ao rematar o contrato coa empresa que prestaba actualmente este servizo manténdose en situación de prórroga mentres non se adxudique o novo contrato. Este servizo traballa na mellora da autonomía persoal dos usuarios, na prevención da dependencia así como en tarefas asistencias e de acompañamento.











