Cangas rexistra dous novos furanchos, alcanzando as 37 licenzas para esta tempada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O Concello de Cangas repartiu 37 licenzas de “furanchos” dende que comezou a temporada 2013/2014 o pasado 1 de decembro, dous máis que durante o pasado ano. Os servizos municipais prevén que ata o seu remate, o 30 de xuño, esta cifra podería superar os 40. 

En canto á súa distribución O Hío é a parroquia que presenta un maior número de furanchos ( 16), seguida de Darbo (10), Coiro (10) e Aldán (1).

Hai que lembrar que durante a sesión plenaria celebrada o pasado 29 de novembro a corporación municipal aprobou a nova Ordenanza de Furanchos coa finalidade de mellorar as medidas de control e ofrecer garantías aos usuarios destes establecementos.

A nova regulación recolle a obrigatoriedade de subscribir unha póliza de seguro de responsabilidade civil así como a creación dun rexistro municipal de furanchos de Cangas dentro do servizo municipal de estadística. Os furancheiros poderán ofrecer exclusivamente cinco tapas entre as que están: ourella-chourizo, zorza-raxo, callos con garavanzos ou feixóns, tortilla de patacas, empanada, entre outras e  establece a esixencia de cumprir a normativa en materia hixiénico- sanitaria.

Para velar que se cumpra o contido desta nova ordenanza municipal dende o Concello de Cangas estanse a levar a cabo inspeccións nos establecementos, sobre todo para comprobar que contan coa documentación adecuada.

O concello quere destacar a estreita colaboración prestada pola Asociación de Furancheiros á hora de velar polo cumprimento da legalidade neste campo.

20 de marzo de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.