Cangas presenta a programación da “Semana Santa 2014”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCangas
A-
A+
Presentación do programa

Presentación do programa

Esta mañá o salón de plenos do concello acolleu a presentación do programa da Semana Santa 2014. O acto estivo presidido pola concelleira de Turismo Berta Pérez, que estivo acompañada polos representantes das catro cofradías encargadas de organizar a Semana Santa canguesa: Manuel Gil presidente coordinador de cofradías e representante da Hermandade dos Dolores e a Soledad, Carlos Hermelo e Jesús Guimeráns da Cofradía da Misericordia, Emilio Iglesias e Ángel Martínez da Cofradía do Cristo do Consolo, e a Agrupación de San Pedro.

A Semana Santa de Cangas, declarada de Interese Turistico Galego, conta con numerosas procesións nas que se poden observar tallas articuladas de gran calidade artística. Como novidade este ano, destaca que na procesión de San Pedro, que se celebra o Venres Santo ás 6 da mañá, tamén sairá a imaxe de María Magdalena. Outro dos cambios é que a figura do Cristo da Pila ou Cristo que non quixo arder, que sempre protagoniza a procesión do Silencio o venres ás 00,00 horas, tamén sairá na marcha do Santo Enterro portada por membros de Protección Civil. 

O Sábado día 5 de abril a partir das 8 da tarde terá lugar a lectura do pregón a cargo do párroco de Beluso José Antonio Santos, nativo de Cangas, quen afirmou estar “moi ilusionado con facer o pregón. É unha sorte contar cunha Semana Santa como a que temos e hai que tratar de potenciala e mellorala cada ano”.  Tras o pregón dará comezo un concerto no Templo Parroquial a cargo da Banda de Música Belas Artes, que interpretará marchas procesionais.

Berta Pérez destacou que este acto supón o punto se saída de cara a festividade de Semana Santa e declarou que “ o Concello está implicado ao 100%”  e felicitou ás cofradías polo seu traballo de cada ano declarando que “ o goberno local sempre lles prestará o seu apoio”.

Encontro Nacional de Cofradías

O presidente coordinador de Cofradías, Manuel Gil anunciou que están traballando para que no ano 2016 o Encontro Nacional de Cofradías se poida levar a cabo en Cangas o cal suporá a presencia de entre 200 e 240 cofradías de toda España e a visita de máis de 600 persoas á nosa vila.

Así mesmo, os representes das cofradías aproveitaron para sinalar un dosprincipais problemas que padecen, a falta dun espacio no que salvagardar as imaxes da Semana Santa. “ As imaxes están en casa particulares, non están todas xuntas, e algunhas se gardan en propiedades antigas que están en malas condicións o que á larga pode deteriorar as figuras, algunas das cales datan de fai máis de 200 anos” afirmou Gil. 

Dende a concellería de Turismo estase a elaborar unha nova guía da Semana Santa de Cangas que estará a disposición do público para esta festividade.

Ademais, na rúa Beningo Soage estará aberta unha exposición de tallas realizadas por José Barreiro.

29 de marzo de 2014 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.