Cangas emprende en positivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Máis dunha vintena de emprendedores emprendedoras do concello de Cangas están a participar na acción formativa “Emprender en Positivo” que dende o pasado día 10 de febreiro e ata o 4 de abril se imparte na casa de oficios Lorenzo Corvacho.

Esta iniciativa parte da colaboración entre o Concello de Cangas e a Deputación de Pontevedra coa Fundación Incyde e enmárcase dentro da programación que a concellería de Emprego está a levar a cabo para apoiar e axudar aos emprendedores do municipio a transformar as súas ideas de negocio nunha realidade.

“Emprender en Positivo” ten coma obxectivo proporcionar unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver o plan de empresa ou plan de mellora da empresa, sempre coa axuda das ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha.

O curso conta con dúas fases, unha formativa na que se ofrece aos emprendedores formación en diferentes campos relacionados coa empresa e outra de asesoramento na que profesionais de Incyde guían a cada participante en función da súa idea de negocio concreta.

Ata o de agora nas cinco semanas que levan de curso abordáronse diferentes áreas empresariais coma finanzas; marketing promoción e comercio; creatividade; innovación e transferencia tecnolóxica; calidade e medio ambiente.

Nas próximas semanas durante as horas formativas trataranse os temas xurídico-fiscal; aplicacións informáticas; xestión de información; internet e redes sociais e igualdade de oportunidades.

En total 21 veciños e veciñas de Cangas participan neste curso, dos cales 12 son homes e 9 mulleres de entre 22 e 58 anos. Máis da metade dos emprendedores ou emprendedoras posúen estudos universitarios (12) e o resto cursou outro tipo de formación (9).

Os participantes presentaron 18 proxectos, dous de consolidación empresarial e 16 de creación dunha nova empresa.

Os novos proxectos enmárcanse no sector da cultura, a hostelería, os servizos, a enxeñería, os negocios web e o comercio.

O director de proxectos do curso, Óscar Fraile prevé que das 16 ideas de nova empresa presentadas un 40% se poderán dar de alta en 6 meses, o 30% nun ano e o outro 30% restante necesita dun estudio posterior. Fraile destaca tamén o grande interese que amosan os/as participantes na acción formativa, cunha porcentaxe de asistencia ás clases teóricas moi elevada, e unha grande participación en titorías.

Berta Pérez afirma que dende a concellería de Emprego estase a traballar para dar todas as facilidades posibles co programa “Cangas proxecto emprende” para que todos os veciños e veciñas que teñan unha idea de negocio a poidan facer realidade.

15 de marzo de 2014 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.