Cangas celebrará a “I festa de exaltación da navalla das Cíes”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
Presentación da I Festa da Navalla das Cíes

Presentación da I Festa da Navalla das Cíes

Este mediodía a Lonxa de Cangas acolleu a presentación da “I Festa de exaltación da navalla das Cíes” que se celebrará en Cangas os días 28, 29 e 30 de marzo. No acto estiveron presentes o alcalde José Enrique Sotelo, a concelleira de Turismo Berta Pérez, o Patrón Maior da Confraría de Pescadores San Xosé Evaristo Fernández e  representantes dos navalleiros, os hostaleiros e a bodega Lagar de Cervera.

Esta festa gastronómica ten coma finalidade exaltar un dos produtos marítimos máis característicos da nosa vila, que xunto co percebe conforman o 50% da recadación da Lonxa de Cangas. En concreto o pasado ano recolléronse máis de 65.000 quilos de navalla e se facturaron case 500.000 mil euros.  En total 25 veciños do municipio se dedican á recollida da Navalla das Cíes.

Ademais da súa calidade cabe salientar que a navalla canguesa posúe o distintivo de “Navalla das Cíes” que garante o cumprimento dunha serie de requisitos de captura, manipulación e comercialización. Esta navalla captúrase mediante a técnica de mergullo a pulmón o cal fai a súa explotación sostible.

En total 20 establecementos hostaleiros de todo o concello participarán neste evento culinario. A tapería O Portujés, a tapería O Chinchorro, o restaurante Anuska, a tapería Aliño, a taberna O Arco, a  taberna El Jabuguito, o restaurante Cabo Home, o restaurante Casa Macillos, a tapería O Pélao, o restaurante Sol Poniente, a taberna Pandemillo, o restaurante El Cortijo, o restaurante Tía Brígida, conservas Artemar, a taberna Guimeráns, o restaurante Il Popolo, a tapería Luscofusco, a tapería O Faro, a taberna Dos Chata e o meso O Batel ofrecerán racións de navalla á prancha a prezos especiais.

Así pois, media ración de navalla das Cíes á prancha ( 6 unidades) terá un custe de 5,00 euros, unha ración enteira ( 12 unidades) custará 9,00 euros.  Media ración de navallas acompañada dunha copa de Lagar de Cervera servirase por 6.80 euros e unha ración de navallas cunha botella de Lagar de Cervera custará 19.00 euros. A botella deste viño costa con motivo desta celebración 10,00 euros.

Ademais das navallas á prancha, que se servirán nos vinte establecementos participantes, os locais que o decidan ofrecerán ao público a navalla baixo diferentes receitas, participando nun concurso no que un xurado votará a mellor.

Esta festa gastronómica nace de mans dos hostaleiros locais en colaboración coa Confraría de Pescadores San Xosé e o Concello de Cangas coa finalidade de exaltar e dar a coñecer a Navalla das Cíes.

Durante a presentación Sotelo aproveitou para destacar a importancia da navalla dentro do sector marisqueiro de Cangas así como para felicitar tanto aos hostaleiros coma aos navalleiros e demais membros da confraría polo seu traballo. O alcalde tamén anunciou que está en proceso de negociación coa compañía que realiza o servizo de transporte marítimo entre Cangas e Vigo para que os días nos que se celebre esta festa os menores de 12 anos poidan viaxar de balde.

14 de marzo de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.