Cangas acolle esta fin de semana unha nova edición do Torneo de tiro á chave
Esta mañá presentouse na Casa da Xuventude de Cangas o “Torneo de tiro a chave” organizado por alumnos do TSAAFD do IES María Soliño como parte dun traballo para un dos módulos do ciclo que cursan, tal e como fixeran a pasada semana os seus compañeiros da I Carreira Popular do Morrazo. Este evento deportivo conta coa colaboración da Fundación Cangas Deporte e o Concello de Cangas.
No acto estiveron presentes o concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño e en representación da organización do torneo Ángel Iglesias, Eloy Oliveira e Cristian Fernández.
Este evento deportivo terá lugar este fin de semana no Campo Municipal de Chave de Cangas . O sábado día 15 entre as 10:00 e as 14:00 horas celebrarase a primeira fase que consistirá nunha “liguilla” entre as parellas participantes da cal sairán os clasificados que xogarán as eliminatorias o domingo día 16 entre as 10:00 e as 11:30 horas. Os catro mellores postos serán premiados con produtos gastronómicos.
En total a organización estima que participarán unhas 16 parellas. Aqueles que desexen inscribirse poderán facelo ata o venres día 14 na sede da Fundación Cangas Deporte ou ata ás 9.30 horas do sábado no campo de chave. O custo da inscrición é de 5€ por parella.
O concelleiro de Deportes quixo felicitar a os organizadores pola elección deste deporte de forte tradición popular en Cangas, que nos últimos meses volveu a poñerse de moda dende que a finais do verán se instalou unha chave nunha das explanadas de Ojea. Así mesmo, desexoulles sorte e manifestou que a Fundación Cangas Deporte sempre terá as portas abertas ante calquera iniciativa deportiva. Soliño anima a todos os cangueses e canguesas a participar neste torneo de chave.











