Cangas acolle a xuntanza da Cogave Rosalía de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Cangas recibe hoxe aos membros da “Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro” que se deu cita no noso concello para reunir ao seu consello confederado e celebrar a súa asemblea.

O alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, acompañado polo presidente de FECIMO Xosé Bangueses, recibiu esta mañá no salón de plenos do concello a todos os asistentes a esta xuntanza da COGAVE para agradecerlles que elixisen Cangas como sede para o seu encontro. Sotelo tamén aproveitou para facerlles unha breve descrición do noso municipio na que resaltou que “somos o concello con máis quilómetros de costa de toda Galicia, con 31 qm e temos 38 praias das cales 7 posúen o distintivo de Bandeira Azul”. Tamén destacou a importante actividade pesqueira e marisqueira da nosa localidade e o valioso patrimonio cultural que posúe o concello  co seu casco vello, as casas de patín, o santuario do monte do Facho, a Ex-colexiata ou o cristo que non quixo arder. Pola súa parte Xosé Bangueses quixo destacar a importancia que o asociacionismo ten no concello de Cangas.

O Presidente da COGAVE Jesús Vázquez, explicou que para eles é un pracer reunirse en Cangas e que cada ocasión na que o seu consello confederado celebra unha xuntanza se reúne o fai nunha localidade diferente para coñecer mellor de primeira man a problemática de cada lugar e achegarse á veciñanza.  Tamén sinalou que COGAVE aglutina as diferentes federacións veciñais das capitais de provincia e grandes cidades ademais de contar coas federación tanto locais, coma comarcais ou provinciais.

Vázquez tamén explicou que durante a asemblea que celebrarán hoxe trataran diferentes temas coma a participación veciñal ou os servizos e destacou que as decisións e que se toman nas súas xuntanzas sempre son aprobadas por unanimidade. Finalmente, como símbolo de agradecemento en nome de todos os membros da confederación fixo entrega ao alcalde de Cangas dunha figura con forma de pomba “que representa o valor do movemento veciñal en liberdade”.

Sotelo  pola súa parte entregou ao presidente de COGAVE un reloxo co escudo de Cangas. Ademais o Concello e FECIMO agasallaron aos asistentes cun libro de fotografías aéreas da comarca do Morrazo.

1 de marzo de 2014 | 16:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.