Cambados acolleu a presentación da VII Regata Internacional Illas Atlánticas que se celebrará en agosto

Lete Lasa na presentación da proba
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta tarde na presentación da VII Regata Internacional Illas Atlánticas Red Eléctrica de España-Trofeo Mercedes Benz para barcos clásicos e de época.
A proba, organizada polo Club Náutico San Vicente do Mar, con base no porto de Pedras Negras (O Grove), terá lugar do 22 ao 24 de agosto no contorno do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
No transcurso do acto, celebrado no Pazo de Fefiñáns, Lete Lasa felicitou á directiva da entidade organizadora, encabezada polo seu presidente, Ulises Bértolo, e a todos os patrocinadores, por facer posible co seu esforzo conxunto esta competición que “combina a vertente deportiva coa promoción da cultura do barco clásico, o que engade un indubidable valor ao evento, tanto desde o punto de vista social e divulgativo como medioambiental, sen esquecer o seu alto interese turístico”. Lete Lasa subliñou a importancia estratéxica de promover en Galicia este tipo de eventos deportivos “baseados no noso patrimonio paisaxístico e na nosa fonda cultura mariñeira, dous valores tremendamente atractivos e enriquecedores tanto para os galegos como para os nosos visitantes”.
Na sexta edición da regata, celebrada o pasado verán, participaron trinta e dous embarcacións, oito delas francesas, o que permitiu que a proba adquirise carácter internacional por primeira vez. Entre os deportistas que competiron nesa ocasión figuran coñecidos regatistas como Pedro Campos, Javier de la Gándara e Gonzalo Araújo. A Asociación Galega de Barcos Clásicos e de Época estivo representada por dez embarcacións.
O pasado mes de decembro, co obxectivo de seguir incentivando a participación foránea, a regata estivo presente por segundo ano consecutivo no Salón Náutico de París, despois de acudir ao Salón Náutico de Grand Pavois, en La Rochelle, en ambos os dous casos a través dos stands promocionais de Turismo de Galicia e Portos de Galicia.
A presentación de hoxe contou coa asistencia de numerosas autoridades, como a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, os presidentes das autoridades portuarias de Vilagarcía e Marín, Sagrario Franco e José Benito Suárez respectivamente, os alcaldes de Cambados, Luis Aragunde, do Grove, Miguel Ángel Pérez, e de Sanxenxo, Catalina González, así como a deputada provincial, Begoña Estévez.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou na súa intervención que o turismo náutico é un elemento diferencial da oferta turística galega e así se inclúe entre as fortalezas do Plan Integral de Turismo de Galicia ao tempo que se incide no potencial dos eventos deportivos para xerar fluxos turísticos e articular novos produtos específicos. Ao tempo, incidiu en que a segunda liña estratéxica do plan baséase na oferta turística, nos recursos endónxenos e na articulación dun turismo multiexperiencial con produtos como o turismo náutico para captar novos mercados e desestacionalizar a demanda.
Nava Castro destacou que durante a vixencia do Plan Integral de Turismo desenvólvense accións para a organización, mellora e promoción da oferta relacionado co turismo náutico como a dotación de información turística en estacións náuticas ou a disposición de accesos directos desde os clubs ás plataformas de venda en liña de experiencias turísticas próximas. Así como o fomento da certificación dos clubs náuticos en normas de calidade turística e o apoio para a obtención do galardón internacional das Bandeiras Azuis.
Por parte das empresas patrocinadoras asistiu o presidente de Red Eléctrica de España, José Folgado, e outros membros do consello de administración da compañía, xunto con representantes doutras entidades patrocinadoras e colaboradoras.











