Brión inicia a súa campaña de sendeirismo 2014 cunha ruta de 18 kms pola Senda Verde de Carnota
O Concello de Brión abre este sábado 22 de abril a súa Campaña de Sendeirismo 2014 cun roteiro de dificultade baixa pola Senda Verde de Carnota, que terá lugar ao longo dos 18 quilómetros que separan as localidades de Louredo e Ancoradoiro. Este é o primeiro dos tres roteiros preparados polo Concello de Brión para un dos programas de maior participación no municipio, pois o ano pasado rexistrouse unha media de cen participantes, o que fixo que o Concello tivera que poñer un segundo autobús a disposición dos sendeiristas na maior parte das andainas.
A segunda andaina está prevista para o 5 de abril e é unha das que maior participación acadou en edición anteriores: as Fragas do Eume. De feito, esta é a terceira ocasión na que se organiza este roteiro, de dificultade media e de 18 quilómetros de lonxitude por un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa. O terceiro roteiro terá lugar o sábado 26 de abril entre o Castro de Baroña (Porto do Son) e Corrubedo (Ribeira). Un total de 20 quilómetros de dificultade media que inclúe visita a un dos enclaves castrexos mellor recuperados de Galicia e impresionantes panorámicas das dunas de Corrubedo.
Todos os roteiros teñen en común a cota de inscrición (8 euros cada un), que inicialmente se convocan 50 prazas (que se outorgan por rigorosa orde de inscrición) e que as anotacións poden formalizarse na Casa da Cultura de Brión (981 50 99 08). Ademais, é preciso levar o xantar tipo pícnic, pois as rutas prolónganse dende a mañá ata ben entrada a tarde. Tamén se recomenda asistir con calzado cómodo e roupa axeitada á climatoloxía da xornada. As saídas terán lugar ás 8:30 horas da Carballeira de Santa Minia e as voltas terán lugar ás 20:30 horas no mesmo lugar.











