Betanzos prepárase para unha nova edición de Mercabetanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

ACEBE.CCA está a ultimar os preparativos dunha nova edición do MERCADO DE OPORTUNIDADES DO COMERCIO DE BETANZOS – MERCABETANZOS, un evento que se celebrará os vindeiros 8 e 9 de marzo na Praza Irmáns García Naveira e baixo unha carpa de preto de 500 metros cadrados de extensión.

MERCABETANZOS, que celebra xa a súa duodécima edición, permitirá a todos os comercios que participan vender produtos con descontos a partir do 50%. A organización prevé que esta nova cita goce do éxito das anteriores edicións nas que centos de clientes visitaron a carpa do mercado de oportunidades ademais de funcionar como unha actividade dinamizadora do comercio minorista de Betanzos e de repercutir moi positivamente na economía local.

O horario de MERCABETANZOS será ininterrompido de 11.00 a 21.00 h o sábado 8 e de 10.00 a 20.00 h o domingo 9 de marzo. Participarán unha vintena de comercios locais de diversos sectores: peletaría, moda home e muller, moda infantil e xuvenil, lencería, óptica e parafarmacia, zapaterías, complementos, etc.

Hai que salientar que esta nova edición de MERCABETANZOS coincidirá ademais coa celebración das Xornadas Gastronómicas do Entroido organizadas polo Concello de Betanzos e na que participan 17 establecementos hostaleiros da cidade. Na xornada do sábado 8 Betanzos acollerá tamén a Xuntanza de Labores Artesanais na que está previsto que participen arredor de 300 persoas.

NOVIDADES

MERCABETANZOS contará con importantes novidades xa que ademais da ampla oferta comercial este ano incorpórase un espazo de ocio infantil e unha zona de cafetaría. Nesta ocasión e grazas á colaboración de Bichiños Fiestas Infantiles os comercios instalados en Mercabetanzos repartirán invitacións para a sección de ocio infantil que se instalará no mercado de oportunidades.

Ademais, e igual que en anteriores ocasións, a empresa concesionaria do parking da Praza Irmáns García Naveira, PARKING BETANZOS, colaborará con MERCABETANZOS e entregará ós comerciantes participantes tickets de aparcamento gratuíto para os clientes. Os tickets serán válidos durante os dous días de celebración de MERCABETANZOS e terán unha duración de media hora.

MERCABETANZOS está organizado pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Betanzos, Parking Betanzos e Bichiños Fiestas Infantiles.

5 de marzo de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.