Betanzos acolle unha nova edición de Mercabetanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

Mañá sábado inaugurarase unha nova edición do MERCADO DE OPORTUNIDADES DO COMERCIO DE BETANZOS – MERCABETANZOS, un evento que se celebrará durante toda a fin de semana na Praza Irmáns García Naveira de Betanzos.

MERCABETANZOS, que celebra xa a súa duodécima edición, permitirá a todos os comercios que participan vender produtos con descontos a partir do 50%. A organización prevé que esta nova cita goce do éxito das anteriores edicións tendo en conta ademais que durante a fin de semana espérase un tempo soleado e temperaturas moi agradables que poden axudar a incrementar a cifra de clientes e visitantes. Hai que salientar ademais que esta nova edición de MERCABETANZOS coincidirá coa celebración das Xornadas Gastronómicas do Entroido organizadas polo Concello de Betanzos e na que participan 17 establecementos hostaleiros da cidade. Na xornada do sábado 8 Betanzos acollerá tamén a Xuntanza de Labores Artesanais na que está previsto que participen arredor de 300 persoas procedentes de diferentes puntos de Galicia que expoñerán os seus traballos de labores no Liceo de Betanzos.

O horario de MERCABETANZOS será ininterrompido de 11.00 a 21.00 h o sábado 8 e de 10.00 a 20.00 h o domingo 9 de marzo. Participarán unha vintena de comercios locais de diversos sectores: peletaría, moda home e muller, moda infantil e xuvenil, lencería, óptica e parafarmacia, zapaterías, complementos etc.

NOVIDADES

MERCABETANZOS contará con importantes novidades xa que ademais da ampla oferta comercial este ano incorpórase un espazo de ocio infantil e unha zona de cafetaría. Nesta ocasión e grazas á colaboración de Bichiños Fiestas Infantiles os comercios instalados en Mercabetanzos repartirán invitacións para a sección de ocio infantil que se instalará no mercado de oportunidades.

Ademais a empresa concesionaria do parking da Praza Irmáns García Naveira, PARKING BETANZOS, colaborará con MERCABETANZOS e entregará ós comerciantes participantes tickets de aparcamento gratuíto para os clientes. Os tickets serán válidos durante os dous días de celebración de MERCABETANZOS e terán unha duración de media hora.

MERCABETANZOS está organizado pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Betanzos, Parking Betanzos e Bichiños Fiestas Infantiles.

7 de marzo de 2014 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.