publicidade hoxe

Belén do Campo reúnese co alcalde de Vedra para analizar as necesidades educativas do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaVedra
A-
A+
Belén do Campo na reunión co alcalde de Vedra

Belén do Campo na reunión co alcalde de Vedra

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá na Coruña un encontro de traballo co alcalde de Vedra, Carlos Martínez. A reunión, na que tamén estivo o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, centrouse en analizar as necesidades educativas do municipio para preparar o vindeiro curso escolar.

O rexedor aproveitou a xuntanza para trasladarlle as demandas do concello ao Executivo galego, que pasan fundamentalmente por actuacións de mantemento e acondicionamento nas instalacións do colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Ortigueira, do colexio público integrado (CPI) de Vedra e do colexio rural agrupado (CRA) Boqueixón-Vedra, así como polo aumento do número de prazas de comedor, co fin de garantir o servizo a todos aqueles estudantes do concello que o precisen. Pola súa banda, a máxima representante do executivo autonómico na provincia comprometeuse a estudar estas propostas e a traballar intensamente para atendelas no menor prazo de tempo posible.

Ademais, Do Campo expresoulle ao primeiro edil “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” con fin de obter a coordinación necesaria coa administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar a calidade de vida dos habitantes de Vedra.

A de hoxe foi unha reunión de traballo enmarcada na rolda de contactos que a delegada da Xunta na Coruña realiza de forma periódica cos responsables locais dos 93 municipios da provincia para coñecer de primeira man a realidade de cada concello.

27 de marzo de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.