Belén do Campo reúnese co alcalde de Negreira para analizar a nova orde de axudas ao comercio local
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Negreira, Juan Rey, para analizar as necesidades que presenta o municipio e aquelas actuacións que o Executivo galego está a desenvolver no concello. Neste senso, Do Campo interesouse polos proxectos que prevé levar a cabo o goberno local para potenciar o comercio local do seu entorno.
Neste senso, o rexedor trasladoulle á máxima representante da administración autonómica na provincia a súa vontade de concurrir á orde de subvencións impulsada pola Consellería de Economía e Industria e que destina máis de 3 millóns de euros para apoiar aos concellos galegos na potenciación do comercio de proximidade, así como dos mercados e prazas de abastos.
A través dunha das liñas deste programa de subvencións, cuxo prazo de solicitudes se manterá aberto ata o 21 de abril, prevense apoios de ata 3.000 euros para a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos nas prazas de abastos, así como nos principais eixos comerciais dos concellos de menos de 20.000 habitantes, como é o caso de Negreira. Ademais, estes municipios máis pequenos poderán optar a axudas de ata 30.000 euros para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.
As axudas do programa alcanzan con carácter xeral o 75% dos investimentos, primándose os proxectos de xestión compartida cun incremento dun 15% na porcentaxe subvencionable no caso das solicitudes presentadas conxuntamente por varios municipios.
Neste senso, a Do Campo trasladoulle ao primeiro edil todo o diálogo e cooperación do seu departamento para o desenvolvemento destes proxectos, ao entender que a colaboración coas entidades locais resulta imprescindible “pola súa cercanía ao comerciante e polo seu coñecemento directo do comercio local”. “Pola súa calidade e proximidade, o pequeno comercio é un patrimonio que entre todos debemos impulsar e apoiar, e un importante motor de emprego”, concluíu Do Campo.