Beatriz Sotelo, do grupo Nove, e Diego López, Cociñeiro do Ano de Galicia, formarán parte do xurado do VII ‘Cigarrón de Verín’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O Concello de Verín xa pechou o xurado que valorará aos/ás participantes na sétima edición do concurso gastronómico ‘Cigarrón de Verín, que terá lugar o sábado 05 de abril, a partir das 10.30 horas, no Pavillón Municipal de Deportes de Verín.

Nesta edición os membros do xurado serán Beatriz Sotelo -do restaurante ‘A Estación’ de Cambre, que conta cunha estrela da Guía Michelín, e integrante do grupo Nove-, Diego López -do restaurante ‘La Molinera’ de Lalín e premiado como Cociñeiro do Ano de Galicia no Fórum Gastronómico-, Jorge Paulo -director da Escola Profissional de Chaves (Portugal)- e Román Dacosta Fernández -premio Cigarrón Doce 2013 e do restaurante ‘A Chabola’-.

O concurso, de carácter libre, ten por obxecto ser un referente gastronómico, así como a relanzar os produtos e viños da comarca de Monterrei.O mesmo, nesta edición, atópase dividido en dúas categorías diferenciadas: alumnos/as de escolas de hostalería – profesionais da restauración e afeccionados/as. O número de participantes será dun máximo de dous por receita, os pratos presentados deben ser de creación propia e englobarse nun dos seguintes dous apartados: prato principal e sobremesas (son os mesmos apartados para as dúas categorías, e no apartado de prato principal o ingrediente básico debe ser cabrito ou bacallau)-. Ademais, cada participante debe elixir o apartado no que compite, podendo presentar unha única candidatura, elaboralo en show cooking -cociña en vivo, diante do público, e con explicación ao xurado- e maridalo con viño da D.O. Monterrei.  Elaboración, degustación, presentación, maridaxe e utilización de ingredientes da zona -mínimo tres- serán son os criterios esixidos polo xurado para puntuar os pratos participantes, que optarán aos premios Gran Cigarrón -para o prato principal tanto na categoría alumnos/as de escolas de hostalería – profesionais da restauración como a de afeccionados/as, é dicir, dous galardóns dotados cada un con 400 euros (un será patrocinado polo Concello de Verín e o outro pola Denominación de Orixe Monterrei)- e Cigarrón Doce -na de sobremesas, tamén para as dúas categorías de participantes, e cun valor de 200 euros cada un, apadriñados por AEHCOM (Asociación Hostaleiros de Verín) e AEVER-CCU Verín (Asociación de Empresarios de Verín-Centro Comercial Urbano Verín)-. Os/as interesados/as en participar no concurso ‘Cigarrón de Verín’ deben formalizar as súas inscricións antes do 02 de abril, ata as 14 horas, no Concello de Verín ou no fax 988-411900.

Este evento está organizado polo Concello de Verín e patrocinado por: Eurocidade Chaves-Verín, Plan de Competitividade Puertas de Galicia, Inorde, Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Gadis, Cabreiroá, Construcciones Hnos. Carrajo, D.O. Monterrei, Saroni, Socitransa, Parador de Turismo de Verín, Pirotecnia Xaraiva, La Caixa, Caja Rural de Zamora, Estradas Galegas SL, Espina & Delfín, Rótulos Losada, MRW, Esinor, AEVER-CCU Verín e AEHCOM.

26 de marzo de 2014 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.