Banda e Escola de Música de Torroso asinan convenios por un valor total de 45.000 euros co Concello de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente da Banda de Música Xuvenil de Torroso e do Centro Cultural e Recreativo de Torroso, Iván Rey Grandal, asinaron sendos convenios anuais de colaboración entre Concello e Banda de Música e Escola Municipal de Música por valor total, entre os dous, de 45.000 euros. Durante as sinaturas estiveron presentes tamén as concelleiras mosenses de Cultura e Educación, Sara Cebreiro e Kely Monzón; respectivamente.

Mediante o seu convenio a Banda de Música Xuvenil de Torroso recibe unha aportación económica municipal de 10.000 euros para o ano 2014. Pola súa parte a Banda compométese á organización e confección de obradoiros didácticos e á realización de visitas guiadas pola Escola de Música para os alumnos e alumnas dos centros educativos de Mos. Ademais actuarán nas Festas da Rosa e dos Maiores, así coma organizarán o tradicional concerto de Santa Icía.

A Banda de Música Xuvenil de Torroso creouse no ano 1987 no seo do Centro Recreativo e Cultural de Torroso. Representa ó Concello en diversas edicións do Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra, conseguindo o terceiro e segundo premios nas III e IV edicións, respectivamente, o primeiro premio e mención de honra na V edición, e o primeiro premio na 2ª sección do 2º concurso zonal de bandas de música populares do sur de Pontevedra, organizado tamén pola Deputación. Tamén no Certame Provincial na Sección II da XI edición acadou o segundo premio e na XII edición o primeiro premio.

Sobre a Banda Xuvenil de Torroso as representantes municipais declaraban hoxe que “é única no seu xénero no Concello de Mos, facendo un labor inigualable na difusión e promoción da música instrumental, levando o nome de Mos por toda a xeografía galega, nacional e portuguesa coas súas actuacións, e participando en numerosos certames de música populares”. Na actualidade a banda conta con máis de 65 compoñentes con idades comprendidas entre os 10 e os 35 anos.

Actualmente a Banda de Torroso conta co reforzo dunha Escola de Música oficial propia, con máis de 170 alumnos e alumnas matriculados. No ano 2003 créase a B.O.S.E.M.M. (Banda Orquestra Sinfónica da Escola de Música de Mos) para formar novos componentes que, á súa vez, contan con actuacións musicais propias. Referente á propia Escola Municipal de Música asinouse tamén o seu respectivo convenio de colaboración polo que a administración local a apoia con 35.000 euros anuais no 2014, por ter un número superior a 140 alumnos matriculados.

O convenio coa Escola Municipal de Música conleva a realización dun concerto didáctico nos centros educativos públicos mosenses. Dende o Concello de Mos enténdese, neste sentido, que a música é un elemento cultural esencial na ensinanza dos rapaces e básica para a súa educación, xa que asenta as bases da formación persoal, da potenciación das habilidades propias, así coma do fomento do coñecemento da historia a través da música.

Novo auditorio Torroso

A sinatura de sendos convenios de colaboración complementouse coa visita da deputada provincial, Marta Iglesias, ás obras do novo auditorio que se está a construír na parroquia de Torroso e que será a futura sede tanto da Banda coma da Escola de Música. A deputada estivo acompañada pola rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e polo presidente da Comunidade de Montes de Torroso, propietaria dos terreos nos que se asenta o novo edificio cuxa construcción está a ser acometida coa financiación dos comuneiros e unha subvención do AGDR.

Os traballos atópanse xa moi avanzados e o presidente da Comunidade de Montes aproveitou esta visita da alcaldesa e a deputada provincial para solicitarlle axuda económica á administración provincial destinada a adquirir mobiliario para dotar ás novas instalacións.

Este novo auditorio, cun orzamento de preto de dous millóns e medio de euros, estase a construir en terreos da Comunidade de Montes e con fondos da propia comunidade, que recibiu tamén, para axudar a financiar este proxecto, unha subvención do programa Leader Galicia do AGDR MAIV – Baixo Miño que ascende a 250.000 euros.

O edificio ubícase nunha parcela de 22.785 metros cadrados e as instalacións propiamente ditas ocupan 1.250 metros cadrados de superficie construída. A previsión é de que a obra estea rematada entre os meses de marzo e abril do vindeiro ano 2014 e que, unha vez inaugurado, o auditorio sexa xestionado polo Centro Cultural de Torroso.

Os traballos que se están a acometer consisten na creación dun centro para instalacións, equipamentos e dotacións rurais. O uso que se lle dará as estas instalacións será como auditorio no que levar a cabo diversas actividades do entorno rural da parroquia de Torroso, dinamizando a vida cultural sostible do rural en Mos. O edificio conta ademais cun estacionamento ó aire libre e aulas para exposicións temporais e permanentes.

O auditorio estará equipado con aulas polivalentes, para realización de distintas actividades educativas, vestiarios e por suposto un gran salón de actos cunha ampla superficie destinada ás butacas onde se acomodará o público asistente ós distintos actos que acollan estas novas instalacións.

A Comunidade de Montes cree na necesidade na zona dun centro de referencia que permita cubrir servicios específicos orientados a pontenciar a vida rural. Un auditorio vivo. Este edificio e a adaptación dos seus arredores créanse como medios dinamizadores do medio rural no Concello de Mos, apoiando e defendendo a cultura cun uso racional e sotible do espacio.

Este proxeto permitirá a mellora na calidade de vida no rural, mellorando as relacións grupais ó servir de centro de actividade, de educación e de cultura tanto ós comuneiros da Comunidade de Montes coma ó resto de veciños e veciñas da parroquia de Torroso en particular e do Concello de Mos en xeral.

Neste proxecto contémplase o emprego de enerxías renovables e técnicas de eficiencia enerxética, por medio de técnicas onde prima a mellor explotación do monte (biomasa, xeotermia, etc.), contribuíndo á prevención de lumes, implementación de sistemas de aforro de auga, de reciclaxe, etc. Trátase dun edificio con versatilidade de espacios.

18 de marzo de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.