Autorizada a ampliación das instalacións de Frigrove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Grove
A-
A+

A Secretaría Xeral de Ordenación de Territorio e Urbanismo vén de remitir ao Concello do Grove a resolución pola que se traslada a autorización autonómica previa á concesión de licenza municipal para a ampliación das naves industriais e de uso no lugar de Estonllo, na parroquia de San Martiño.

As obras e intervencións para as que se solicita autorización consisten na legalización das ampliacións executadas na nave que conta con licenza de apertura definitiva para cámaras frigoríficas e de manipulación da pesca, denominada nave 1, resultando unha nave destinada a cámara frigorífica e de manipulación de pescado, vestiario e aseos cunha ocupación de 3.124 m2 .

Por outra banda, a legalización das ampliacións da denominada nave 2 que conta con licenza de obra e actividade para almacén frigorífico, resulta unha nave cunha superficie ocupada de 1.258,64 m2, destinada a cámara frigorífica, manipulación de pescado.

Por último, a actuación pretende a ampliación do uso a nave 3 para manipulación de pesca, laboratorio, vestiarios e aseos e almacén cunha ocupación 1500 m2.

Á parcela obxecto da actuación correspóndelle a categoría de solo rústico de protección ordinaria. Tal e como se recolle na resolución remitida ao Concello do Grove, de conformidade do disposto no artigo 42.1.e) da Lei do Solo, debe facerse constar no Rexistro da propiedade a vinculación da total superficie real do predio á construción e uso autorizados, expresando a indivisibilidade e as seguintes limitacións ao uso e edificabilidade:

• Uso autorizado: cámaras frigoríficas e de manipulación da pesca.
• Superficie da parcela: 29.418,61 m2
• Superficie ocupada: 5.883 m2

O solicitado cumpre as condicións edificatorias que establecen os artigos 42 e 44 da LOUG tras a modificación operada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo (DOG nº61, do 31 de marzo): parcela mínima (29.418,61 m2), ocupación máxima (20%), altura máxima (10,60 m., xustificada polo informe técnico), nº de plantas (2), distancia ao eixe das vías (>4 m.) e a lindeiros (5,07 m.) e mantemento do estado natural dos terreos (50,13%).

Tamén se sinala que as características tipolóxicas, estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabados das edificacións serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno.

A solicitude formúlase ao abeiro do disposto na disposición transitoria cuarta da LOUG. Coa presente autorización autonómica, poderán executarse obras de ampliación da superficie edificada licitamente, cumprindo as condicións de edificación establecidas polos artigos 42 e 44 desta Lei, mantendo o uso e actividade autorizados orixinariamente, non permitíndose o cambio de uso.

Dende a Xunta de Galicia destácase o interese público e social desta ampliación pois, na actualidade, Frigove da emprego directo a 240 persoas, a ampliación da actividade suporá un aumento notable da produción e dos postos de traballo.

Cómpre lembrar que a Xunta sempre mantivo unha actitude de colaboración con este concello e coa empresa, que quedou ratifica coa reunión que mantivo a secretaria xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas Díaz, co alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García, ao que xa lle advertía que a tramitación desta autorización autonómica é independente da redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal na que está a traballar o Concello, e que quedará recollida no Pxom unha vez sexa aprobado definitivamente.

Planeamento vixente

Na actualidade, o Concello de do Grove réxese por una Ordenación Urbanística Provisional vixente dende 2002 ata a entrada en vigor dun novo planeamento.

Dende novembro de 2009, data do contrato do novo Plan Xeral, o Concello está a revisar o documento que conta cunha axuda da Xunta que ascende a 216.000 euros.

27 de marzo de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.