Aspronaga celebra o seu 50 aniversario como entidade de impulso á integración de persoas con discapacidade
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe o centro de educación especial Nosa Señora de Lourdes de Aspronaga, con motivo da celebración do seu 50 aniversario. A titular de Benestar destacou o “importante labor” que levan a cabo estas entidades, en colaboración co Goberno autonómico, para impulsar a integración das persoas con discapacidade.
Beatriz Mato referiuse ao Plan de Acción Integral para as persoas con discapacidade, que ten como un dos seus eixos principais a educación, un obxectivo que tamén persegue este centro, que conta con 60 alumnos de entre 6 e 21 anos. Dito plan foi o primeiro destas características de Galicia e desenvolveuse entre 2010 e 2013 con 305 medidas concretas.
Trátase dunha iniciativa que demostra o “firme compromiso” da Xunta coa discapacidade, tal e como evidencia tamén a partida orzamentaria de 2014, na que aumenta preto dun 6% o montante total para este área, ata os máis de 97 millóns de euros.
Así mesmo, para o departamento autonómico é importante potenciar a plena integración e a igualdade real de oportunidades para as persoas con discapacidade e “non hai mellor ferramenta para a inserción que o emprego”. Por iso, reforzouse nun 8% a dotación económica para os programas de emprego para a discapacidade, ata os 17,4 millóns. Os centros especiais de emprego recibirán 8,3 millóns de euros este ano, o que permitirá subvencionar o emprego de 2.000 persoas.
Mato engadiu que, ademais de favorecer a integración laboral, o departamento traballa tamén para garantir os mellores servizos para as persoas con discapacidade. Desde 2009 incrementouse en máis de 700 o número de prazas públicas en centros para este colectivo, ata as 5.000 actuais, cun mantemento de 50 millóns de euros. En concreto, hai 270 prazas concertadas con Aspronaga ás que en 2014 destinaranse 3,2 millóns de euros.
A Consellería de Traballo e Benestar traballa tamén na mellora do ámbito normativo. Esta mesma semana constituíuse o Consello autonómico de atención temperá, que desenvolverá o Decreto aprobado o pasado mes de decembro co obxectivo de mellorar a coordinación e a eficiencia na atención aos nenos e nenas que mais o precisan.
Ademais, o pasado mes de novembro entrou en vigor a nova carteira de servizos para as persoas dependentes, un dos catro eixos do novo modelo de carteiras, que establece un catálogo de servizos específico para cada tipoloxía de discapacidade. Así mesmo, está en proceso parlamentario o anteproxecto da nova lei de accesibilidade, que supera o tradicional concepto de barreiras arquitectónicas.











