As tarefas de ampliación da escola infantil da Laracha comezarán a executarse o vindeiro luns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O luns da próxima semana comezarán a executarse as obras de ampliación da escola infantil pública do Concello da Laracha, que está integrada na rede A Galiña Azul.

Representantes do goberno municipal –encabezados polo alcalde, José Manuel López Varela-, a xerente adxunta para escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar –Carmen García Campelo- e técnicos deste organismo e responsables da dirección de obra –Estudio Monteoliva Arquitectura- e da empresa construtora adxudicataria -Ogmios Proyecto, S.L.- mantiveron unha reunión no propio centro co obxectivo de ultimar os detalles organizativos das actuacións a realizar e fixar os prazos das diferentes fases da obra.

A ampliación suporá a construción dun novo edificio cunha superficie de 288 metros cadrados repartidos en tres aulas, unha sala de profesores e unha área de descanso. Por tanto, a escola pasará de ter cinco módulos a oito, creándose 41 novas prazas para un total de 115 usuarios.

A obra desenvolverase sen interromper a actividade no centro. Precisamente por ese motivo a fase da actuación referida a comunicar o novo edificio –unha vez sexa levantado- co que está en uso actualmente realizarase ao longo do mes de agosto, aproveitando as vacacións de verán.

Para facilitar os traballos, e para unha maior seguridade e comodidade dos usuarios da escola infantil, xa a partir do luns estará operativa a entrada alternativa ao centro, consistente nun corredor de caucho que se colocará ao longo da fachada dereita do actual edificio principal. Tamén quedará instalado un valado de protección no perímetro da área afectada polas obras.

O Concello da Laracha e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia financiarán o custo desta actuación, que foi adxudicada en 357.356,83 euros e que, ademais da construción do novo edificio, tamén inclúe outras melloras como a adecuación de todas as fachadas, a apertura de saídas directas ao exterior desde cada aula e a ampliación do patio interior cuberto e do comedor.

No Pleno extraordinario celebrado onte acordouse por unanimidade declarar este proxecto  de especial interese polas súas características, o que implicou bonificar no 75% do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), supoñendo un aforro de 4.653,40 euros para os promotores da obra.

12 de marzo de 2014 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.