As tarefas de acondicionamento da praia da Magdalena comezarán no mes de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Alcalde de Cedeira, Luis Rubido, mantivo esta mañá un encontro de traballo co Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, e os presidentes da Cofradía de Pescadores e da Agrupación local de mariscadoras, Agustín Pérez e Pilar López respectivamente.

No mesmo, celebrado na casa consistorial, tamén participaron o concelleiro de Obras e primeiro tenente de Alcalde, Alfredo Vilela; o enxeñeiro xefe de Costas, José Carlos Gil; a secretaria do pósito, Irene Estévez, e a bióloga do mesmo, Alba Quintana. No transcurso da mesma, o responsable do departamento estatal expuxo os detalles da inminente actuación de acondicionamento que Costas levará a cabo na Praia da Magdalena cun investimento cercano aos 250.000 euros. Traballos que darán comezo na última quincena de abril e cos se pretende minimizar os danos ocasionados polos últimos temporais, constantes no último inverno e con periodos de oleaxe moi curtos.

Fundamentalmente, as tarefas permitirán a protección do sistema dunar dende a súa mesma base mediante a colocación de rollizos de madeira de 2,5 metros ubicados no interior da propia duna –conseguindo un impacto visual nulo– e que funcionarán como vigas elásticas. A continuación, procederáse ao rebaixe da cota de area desprazándoa cara a praia e ao recheo da zona comprendida entre as dunas e o ribazo con outras aportacións de area. No seu conxunto, os troncos actuarán como unha liña de defensa fronte ao mar.

Respecto a esas outras aportacións de area, os responsables de Costas solicitaron a colaboración da Cofradía á hora de determinar as posibles zonas para a súa extracción. Unha vez que o departamento estatal xa descartou algunhas ubicacións tralos estudos correspondentes. O obxectivo, en todo caso, é evitar o impacto desta actuación no banco marisqueiro. Cuestión que quedou garantizada por parte de Costas.

Segundo explicaron o Alcalde e o Xefe de Costas, con esta primeira intervención búscase blindar a permanencia das dunas durante anos e o acondicionamento da Praia de cara a época estival sobre todo dada a súa importancia para a economía da vila dende o punto de vista turístico. A actuación, aínda que a menor escala, xa foi testada con éxito noutros areais, polo que se confía na súa idoneidade.

Por último, o Alcalde destacou a importancia desta intervención, por obxectivos e orzamento e lembrou que se trata da actuación máis significativa das realizadas na última década.

28 de marzo de 2014 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.