As solicitudes para os campamentos da Lanzada poden presentarse ata o 28 de marzo na área de Xuventude vilagarcián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Xuventude lembra ás familias de Vilagarcía que as solicitudes para solicitar praza nos campamentos xuvenís de verán que organiza a Deputación Provincial na Lanzada poderán presentarse ata o 28 de marzo nas dependencias municipais da Concellería. A partir dese día e ata o 1 de abril incluído, os formularios deberán tramitarse directamente ante a Deputación. Poderán participar nos campamentos de verán nenos e nenas nados entre o ano 2001 e 2006 incluídos. O prezo da actividade é de 83,60 euros pola estancia dunha semana.

A OMIX de Vilagarcía faise eco da convocatoria da Deputación debido á elevada demanda que soen ter en Vilagarcía os Campamentos na Lanzada. Como entidade colaboradora, a Concellería que dirixe Sandra García colaborará co organismo provincial encargándose da recollida e envío das solicitudes que se presenten no municipio ata as 14:30 horas do 28 de marzo. A partir de aí e ata o 1 de abril incluído os interesados deberán presentar as súas solicitudes directamente no Rexistro xeral da Deputación o a través da xanela única.

Os campamentos de verán da Deputación desenvolveranse no antigo sanatorio da Lanzada entre xuño e setembro. As estancias terán unha semana de duración, establecéndose un total de once quendas a partir da que comeza o 22 de xuño e que rematarán coa que se inicia o 31 de agosto e que conclúe o 6 de setembro.

Segundo se establece nas bases, ademais da cota xeral de 83,60 euros, a Deputación poderá cobrar a maiores unha cantidade económica que non superará os 17 euros en concepto da realización de actividades e excursións.

Os formularios de solicitude pódense imprimir dende a web da Deputación www.depo.es, onde tamén se poden consultar as bases da convocatoria. Tamén se pode requirir información a través do teléfono do organismo provincial 986 804 100 ou mesmo na OMIX de Vilagarcía.

A documentación que se debe achegar xunto coa solicitude de praza e a ficha de inscrición componse de fotocopias do DNI do pai, nai ou titor; DNI do menor ou, de non ter, libro de familia ou certificado de nacemento; da tarxeta sanitaria ou seguro médico e libro de vacinas do menor volante de empadroamento do menor (este documento solicítase no primeiro andar do Concello, no mostrador de información).

4 de marzo de 2014 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.