As peñas do Rio Natura Monbus poñen en marcha a “Operación Quilo” no partido contra o Gipuzkoa Basket
As peñas do Rio Natura Monbus quixeron un ano máis difundir a solidariedad entre todos os afeccionados do equipo santiagués mediante a “Operación Quilo”, que levará a cabo no partido que enfrontará ao Rio Natura Monbus co Gipuzkoa Basket, o próximo 5 de abril no Multiusos Fontes do Sar.
Quen acuda a comprar a súa entrada de forma anticipada poderá depositar o seu donativo á causa, tanto nas oficinas do club como na “Miudiño Store” (local de Blusens, en Área Central). Neste caso, o prezo da entrada será reducido para o comprador solidario a tan só 9 euros. Ademais, co quilo de comida recibirá un exemplar da última publicación de SCQ Basket Magazine de agasallo.
A idea é recoller alimentos non perecedoiros que se doarán á Cruz Vermella para a súa repartición. Por iso, anímase aos afeccionados que acudan ao encontro a levar un ou varios paquetes de comida deste tipo, que se recollerán no hall de entrada principal. Quen o faga recibirá unha rifa para entrar no sorteo de diferentes produtos, entre os que se atopa unha camiseta Tonecho Limited Edition, unha das pezas usadas polos xogadores na partida homenaxe ás vítimas da traxedia de Angrois, unha camiseta do Gipuzkoa Basket asinada polos seus xogadores ou entradas para o partido do próximo 20 de abril contra o Valladolid.
É o segundo ano consecutivo que as peñas obradoiristas levan a cabo esta acción, tendo a pasada campaña un gran éxito nos resultados. Nesta ocasión, a iniciativa terá a colaboración de Enfios, provedor oficial do vestiario do Rio Natura Monbus, e Dimonorte, concesionario oficial do club.











