As obras de urbanización do parque de Santa Teresita finalizaranse no mes de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A finalización das obras está prevista para finais do mes de xullo deste ano. O proxecto consiste na urbanización dos terreos para zonas verdes e espazos libres na Área de Reparto 22 N (zona 1 do SU-41 segundo o PXOM vixente), na mazá formada polas rúas Alejandro Pedrosa, Santa Teresita, río Xares, río Bubal e río Limia, cunha superficie total de 35.100 m2, dos cales 6.300 m2 son zonas verdes.

A Xunta de Goberno Local, acordou, na súa xuntanza desta mañá, aceptar o escrito plantexado pola empresa Acciona Medioambiente SAU, polo que se plantexaba a necesidade de modificar o programa de traballo debido a “episodios climatolóxicos desfavorables, que imposibilitaron a execución das obras en fase de movemento de terras”. Esta petición conta cos informes técnicos favorables, concedendo á empresa adxudicataria do proxecto de urbanización unha prórroga de dous meses para o remate das obras.

O proxecto pretende a recuperación do interior da mazá para uso e desfrute dos veciños, cun deseño baseado fundamentalmente nunha zona verde adicada ao ocio e xogos infantís, adaptándose á topografía existente, e garantindo a sostibilidade da intervención.

No referido aos accesos, adecentaranse os dous existentes, tanto dende as rúas Xares e Bubal como dende as rúas Alejandro Pedrosa e río Limia, xenerarase á súa vez un vial peonil e ocasionalmente vehicular (mantemento, emerxencias, festas, etc.), baseado na circulación preexistente na zona. En todo o trazado do vial peonil instalarase unha zona de merendeiro con mesas, bancos de pedra e zona de descanso.

Fases da actuación

Está a procederse a movemento de terras e demolicións, co fin de conformar os viais e as seccións de pavimento segundo os perfís que definen os planos, así como a desmontaxe dalgún dos elementos urbanos existentes. E en fase de construción dous muros, un de formigón para o sostemento das terras e a conformación xeométrica das gradas, e outro de escollera, para reforzar a seguridade da actuación.

Así mesmo, renóvase a rede de abastecemento con seis novas conexións na rede xa existente e novas tuberías. A rede de rego será renovada para obter un aproveitamento máximo da dispoñibilidade da auga, que garanta a máxima eficacia do sistema e se adapte ás características do terreo e ás especies que se pretenden introducir. No que respecta á rede de saneamento, proxéctase unha única rede de saneamento con tubería de PVC, con novos pozos, sumideiros e unha nova rede de drenaxe.

Instalarase tamén unha rede de distribución para o suministro de gas natural, para facer fronte ás demandas de gas natural nos terreos onde se desenvolverán as obras. No referente á rede de alumeado, o proxecto contempla a dotación dunha instalación de iluminación óptima, tanto dende o punto de vista luminotécnico como económico, aos viais e á zona verde prevista, seguindo os parámetros para acadar unha maior eficiencia enerxética e seguridade vial. Contempla tamén a instalación de rede en canalización subterránea de telecomunicaciones, como alternativa ás instalacións aéreas por postes.

No referido ás superficies, instalarase novo pavimento en tódala zona, incluíndo os viais, os aparcadoiros, as beirarrúas, as calzadas, a zona de xogos e a pista deportiva. 

6 de marzo de 2014 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.