As obras de mellora do saneamento de Ponte Caldelas estarán finalizadas para o verán
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas avanza nas obras da EDAR da Reigosa, que se porá en servizo este verán do 2014, seis meses antes do prazo previsto.
O director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, visitou esta mañá os traballos centrados na mellora do saneamento do municipio de Ponte Caldelas acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o alcalde, Perfecto Rodríguez.
As obras que foron iniciadas o pasado mes de xullo e consisten na execución dunha rede de colectores cunha lonxitude total de 5.800 metros, e a construción dunha depuradora que dará servizo a unha poboación equivalente de 250 habitantes. A rede consta ademais dos correspondentes pozos de rexistro, un total de 171.
A día de hoxe xa están executadas o 50 por cento das conducións, o que implica que xa foron instalados case 3 quilómetros de colectores. No que respecta a EDAR están rematadas a obra civil e os humidais, e estase xa traballando no pedido dos equipos que son precisos instalar, como o desbaste.
Nestes traballos a Consellería de Medio Ambiente realiza unha achega económica de máis de 700.500 euros, cunha achega do 80 % de fondos europeos.
Beneficios do novo saneamento
A estación depuradora que se está a executar no lugar da Reigosa basea o seu proceso de depuración nun filtro biolóxico coa tecnoloxía de humidal. Malia que esixe máis superficie de terreo que un tratamento convencional, permitirá un elevado rendemento de depuración combinado cun moi baixo consumo enerxético, o que aforrará custos ao concello como futuro explotador da infraestrutura.
As experiencias de Augas de Galicia con esta tipoloxía de depuración permiten que sexa unha aposta para a sostibilidade ambiental e económica do rural galego. En concreto, a potencia necesaria para o funcionamento da EDAR de A Reigosa será de 1KW, menor que unha vivenda.
Finalmente, o novo sistema de saneamento de Ponte Caldelas mellorará a calidade de vida dos veciños do núcleo da Reigosa, dotándoos dun servizo axeitado e optimizará considerablemente a calidade ambiental da zona.











