As obras de mellora do estadio de fútbol Anxo Carro contan cun investimento de 66.000 euros
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o estadio de fútbol Anxo Carro para coñecer o resultado das obras de cubrición parcial da grada, recentemente finalizadas. A actuación, que supuxo un investimento de 66.000 euros, foi financiada pola Xunta de Galicia mediante achegas a partes iguais da Vicepresidencia e da Secretaría Xeral para o Deporte.
Lete Lasa manifestou a súa satisfacción por esta mellora nos dous laterais da zona de preferencia, que dá resposta a unha demanda reiterada dos seareiros do Club Deportivo de Lugo. Así mesmo, lembrou que o actual goberno da Xunta de Galicia ten investido preto de 250.000 euros en diversas obras e equipamentos do estadio lucense, quintuplicando a cifra da etapa 2005-2009, na que o goberno bipartito destinou 50.600 euros.
Entre as actuacións realizadas desde 2009 ata hoxe figuran a instalación de céspede artificial para zona de quecemento de porteiros, o novo marcador, as melloras da infraestrutura eléctrica e do alumeado, así como as dirixidas ao acondicionamento do terreo do xogo, desde a rexeneración de céspede e sucesivos picados do campo ata as intervencións relativas á drenaxe e ao sistema de rego.
Durante a visita, o secretario xeral estivo acompañado polo presidente do Club Deportivo de Lugo, José Bouso, así como por Antonio Ameijide, Quique Rozas e Juan Carlos Plaza, membros da corporación municipal. Posteriormente, Lete Lasa celebrou un encontro coa xunta directiva do CD Lugo.
Baloncesto Feminino
A axenda do secretario xeral en Lugo completouse cunha reunión coa presidenta do Club Porta XI C.B.F. Ensino, Teté Latas, e outros responsables da entidade, que presentaron a Lete Lasa o proxecto de organización da fase final da Liga Feminina 2 -no que se dirime o ascenso á Liga Feminina-, que terá lugar en Lugo do 24 ao 27 de abril e do que se responsabilizará o club lucense xunto coa Federación Española de Baloncesto.
Será a terceira ocasión no que Galicia acolle esta proba de ascenso de alcance nacional, tras celebrarse en Santiago de Compostela no 2008 e en Vilagarcía de Arousa no 2010.
Visita a Palas de Rei
Con anterioridade ao seu desprazamento a Lugo, o secretario xeral visitou a localidade de Palas de Rei, onde mantivo unha xuntanza de traballo co seu alcalde Pablo Taboada, ademais de visitar o pavillón polideportivo e o campo de fútbol para valorar posibles melloras nestas instalacións municipais.











