As obras da nova escola infantil de Oroso comezarán o luns 7 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

As obras da nova escola infantil municipal de Oroso darán comezo o luns 7 de abril, tal como se determinou no acto de replanteo do proxecto, este mediodía, na parcela a carón do CEIP de Sigüeiro na que se alzará o edificio. Ao replanteo acudiron o alcalde, Manuel Mirás, acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Eduardo Veiras, xunto con técnicos da administración autonómica, do Concello e da empresa que se encargará das obras.

Mirás amosa a súa satisfacción pola inminente execución deste proxecto e lembra que a que será a segunda escola infantil pública de Oroso era unha obra moi agardada, xa que o municipio rexistrou no último lustro unha media duns cen nacementos anuais, e a poboación menor de idade representa máis da quinta parte do censo.

O alcalde anunciou esta mañá que o Concello empregará parte do remanente de tesourería positivo dos orzamentos de 2013 na urbanización dos accesos ao futuro edificio. A gardería disporá dunha ampla entrada propia desde a Avenida da Grabanxa a través do novo vial que se urbanizará. Deste xeito, garántese unha entrada doada ao recinto e tamén unha zona de aparcadoiro espaciosa. A escola infantil xa dispón dos servizos de auga, saneamento e luz, xa que cando se ampliara o CEIP o Concello instalou alí un transformador con capacidade para dar servizo á nova gardería.

O centro suporá un investimento de 410.000 euros, dos que 164.000 os vai achegar o Concello de Oroso e os restantes 246.000 euros serán financiados pola Xunta e pola administración central do Estado. Así estaba acordado no marco do Plan Educa3 do ano 2011, no que o Concello se comprometeu tamén a facilitar a parcela para a gardería. A posta a disposición dos terreos foi aprobada polo pleno municipal en setembro pasado. O alcalde e a conselleira de Traballo e Benestar asinaron o convenio para construción en novembro.

41 prazas

A nova escola infantil terá tres unidades, cun total de 41 prazas. Complementará a actual da Ulloa, que dispón de 61 prazas (8 para bebés, 13 para nenos de 1 a 2 anos; e 40 para rapaces de 2 a 3 anos). Sesenta e unha prazas que son por tempo completo (mañá e tarde), o que supón que o número final de admitidos sempre depende das necesidades e peticións das familias beneficiadas (cunha media duns 75 alumnos matriculados por curso).

A gran demanda de prazas que se rexistra cada ano fixo que o Concello de Oroso tomara a iniciativa de solicitar da Xunta a creación desta nova gardería. A reclamación víñase presentando dende 2007 e confirmouse en outubro de 2010 cun acordo a tres bandas entre o Concello, o Ministerio de Educación e Xunta de Galicia.

27 de marzo de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.