publicidade hoxe

As inversións en Vilardevós permitiron potenciar o seu mercado tradicional e a competitividade do seu comercio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseVilardevós
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, resaltou hoxe, durante unha visita ao concello de Vilardevós, a importancia de promover actuacións que fagan o comercio de proximidade máis atractivo e competitivo. Neste contexto, o delegado territorial salientou que está aberta unha nova convocatoria do programa de axudas por máis de 3 millóns de euros, promovido pola Consellería de Economía e Industria, para apoiar aos concellos galegos na potenciación dos mercados e prazas de abastos e impulsar a competitividade do comercio de proximidade, dentro da estratexia específica da Xunta de apoio ao sector comercial como unha das claves para a reactivación da economía das vilas e cidades galegas.

Ao abeiro da anterior convocatoria foron 17 os concellos da provincia ourensá que resultaron beneficiados por estas axudas que supuxeron un investimento de preto de 800.000 euros do departamento autonómico que dirixe Francisco Conde, a través da Dirección xeral de Comercio.

O concello de Vilardevós destinou a achega cifrada en 41.086 euros á adecuación e modernización de equipamentos comerciais na rúa Silvio Santiago e a praza do Cruceiro, onde se celebra os días 7 de cada mes o seu mercado tradicional e ambulante. Así, adaptáronse as beirarrúas existentes ás normativas de supresión de barreiras arquitectónicas, instalouse diverso mobiliario urbano e executáronse outras actuacións para a mellora global do entorno comercial das instalacións existentes.

Rogelio Martínez indicou que o comercio é un motor da actividade local e destacou que mediante a convocatoria de apoios que publicou hai unha semana o Diario Oficial de Galicia, e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 21 de abril, os municipios poderán optar a axudas para a modernización dos mercados de ata 150.000 euros, un 25% máis que na anterior convocatoria, co obxectivo de consolidar as prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.

Asesoramento aos praceiros

Como novidade, os concellos que queiran desenvolver estes proxectos de mellora, que poden incluír ademais da remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario dos mercados actuacións para a redución do consumo enerxético ou dos residuos xerados, entre outros, deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, estarán encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

O delegado territorial explicou que con este programa, a través do cal se levan concedido apoios a 194 concellos galegos nos últimos cinco anos, a Xunta reforza a súa colaboración cos municipios nun ámbito no que as súas actuacións resultan imprescindibles, tanto pola súa proximidade co comerciante como polo seu coñecemento directo do comercio local.

Neste sentido, apóiase con ata 3.000 euros a posta en marcha de actuacións de dinamización e promoción de vendas por parte dos concellos nas prazas de abastos, así como nos principais eixos comerciais dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Ademais, estes municipios máis pequenos poderán optar a axudas de ata 30.000 euros para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.

As axudas do programa alcanzan con carácter xeral o 75% dos investimentos apoiables, primándose os proxectos de xestión compartida cun incremento dun 15% na porcentaxe subvencionable no caso das solicitudes presentadas conxuntamente por varios municipios.

Con esta convocatoria, a Consellería de Economía e Industria leva activados no que vai de ano programas de axudas por máis de 6,5 millóns de euros para impulsar o sector comercial e mellorar a súa competitividade.

Outras liñas de axudas

Así, Rogelio Martínez recordou que vén de poñerse en marcha a orde destinada a apoiar o labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, dotada con 800.000 euros, e que se suma á convocatoria destinada ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos, con 2,2 millóns de euros e en fase de resolución.

O delegado territorial indicou que ademais do impulso ao asociacionismo comercial, outro dos eixos nos que incide a Consellería de Economía é o emprendemento comercial, cun novo programa para a apertura de novos establecementos comerciais que conta cunha dotación inicial de 500.000 euros, e que está aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 30 de xuño.

28 de marzo de 2014 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.