As inspeccións técnicas de vehículos agrícolas no mes de abril realizaranse en Cercio, Anzo e Vilatuxe
O horario de atención para os días 4, 7, 9 e 10 de abril é de 9 a 13.30 e de 15.15 a 18 horas mentres que o día 8, en Cercio, será de 9 a 13.30 horas Pódese pedir cita previa no teléfono 902 30 90 00 ou na páxina web www.sycitv.com
O concelleiro de Actividade e Produción Agraria, Relacións coas Asociacións e coas Cooperativas Agrarias, Manuel Fernández López, informa que “desde o 4 ao 10 de abril desenvolverase en Lalín a campaña da unidade móbil de maquinaria agrícola nas parroquias de Vilatuxe, Anzo e Cercio”.
Manuel Fernández sinala que “o programa de inspección de vehículos agrícolas dará comezo o 4 de abril na parroquia de Cercio, onde estará permanecerá, xunto ao centro social, tamén o 7 de abril e o 8 de abril. O día 9 trasladarase a Anzo, onde permanecerá ao longo de todo o día para ir o día 10 para Vilatuxe (xunto ao centro social) tamén ao longo da xornada”.
O edil puntualiza que “o horario habitual de atención de 9 a 13.30 horas e de 15.15 a 18.00 horas os días 4 de abril, 7, 9 e 10 de abril, mentres que o 8 de abril, en Cercio, será só en horario de mañá, de 9 a 13.30 horas”. Así mesmo o responsable municipal informa que “se pode solicitar cita previa a través do 902 30 90 00 ou a través da páxina web www.sycitv.com”.
O responsable municipal fai fincapé na importancia que “este tipo de campañas teñen para os nosos gandeiros porque posibilitan a posta a punto da maquinaria agrícola sen ter que realizar grandes desprazamentos”. “Ademais vimos como esta inspección técnica de vehículos agrícolas pasou de desenvolverse inicialmente na parroquia de Cercio, a posteriormente a de Anzo e agora, xa desde o ano pasado tamén na de Vilatuxe, posibilitando un servizo máis amplo e accesible aos nosos gandeiros”, remarca.
“Con este servizo que se ofrece no rural nos tres emprazamentos citados, unido ao servizo que ao longo de todo o ano se presta na ITV do Polígono Lalín 2000, dáse cobertura a todo o municipio lalinense”, fai fincapé. “Hai que indicar que os emprazamentos no rural determínanse en función da proximidade e da zona de influencia, tentando de dar cobertura deste xeito ás parroquias limítrofes”, subliña.











