As inscricións para a carreira pedestre Batalla de Cacheiras de Teo poderán realizarse ata o 20 de marzo
A Concellaría de Deportes do Concello de Teo organiza a ‘Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras 2014’ para o domingo 23 de marzo. Na proba poderán participar corredores federados e non federados, en todas as categorías por franxas de idades, e deberán utilizar a internet como única forma posible para inscribirse.
As persoas interesadas en participar nesta carreira deberán realizar a inscrición antes do xoves previo á competición, é dicir, o día 20 de marzo antes das 14 horas e non se recollerán as inscricións posteriores a este prazo. As categorías de adultos (júnior/promesa, sénior e veteranos) deben inscribirse na páxina web www.emesports.es (única forma de inscrición), xa que todos os corredores que disputen a proba absoluta deberán facelo cun chip colocado no seu calzado, o cal llelo entregará a organización.
Pola súa parte, as categorías escolares (desde pitufos a xuvenís) teñen que inscribirse a través das páxinas web www.fgatletismo.es/santiago e www.atletismogalego.org. Na inscrición deberán facer constar o seu nome e apelidos, a data de nacemento completa, a localidade de procedencia, o club e o número de licenza deportiva ou seguro escolar de ser o caso, un teléfono de contacto e un enderezo electrónico. Para as categorías escolares a inscrición é gratuíta, mentres que para as de adultos (júnior/promesa e veteranos) deberán pagar 4 euros.
Os clubs que queiran optar ao premio como mellor club federado da proba terán que remitir un correo electrónico a FGAsantiago@gmail.com unha vez que os seus atletas se inscriban individualmente na web www.emesports.es. Nese correo deberán indicar os datos do club e a relación dos atletas inscritos. Así mesmo, no caso dos escolares, o centro que desexe optar ao premio con máis escolares inscritos tamén deberá enviar un correo a FGAsantiago@gmail.com.











